INICIATIVA DO BNG NO CONGRESO
Rego exixe que se depuren responsabilidades pola desproporcionada detención de Bergantiños
As nacionalistas critican un uso indebido dos recursos policiais nesta actuación, como afirma a propia xuíza do Xulgado nº3 da Coruña, que cualifica de sorprendente a actuación da Liga de Fútbol Profesional e de intempestivo o arresto e afirma no seu auto xudicial, que se malgastaron os recursos públicos nun asunto sen relevancia.
Unha denuncia a Álex Bergantiños que se produce cando a LFP soubo que o Deportivo da Coruña solicitou ao Consello Superior de Deportes o cesamento inmediato de Javier Tebas como Presidente.
Na súa iniciativa, Rego fai notar tamén que ao fronte do Departamento de Integridade da Liga se encontre Florentino Villabona, un Comisario de Policía retirado, que sendo Director Adxunto Operativo da Policía Nacional impuxo a Javier Tebas, actual Presidente da LFP, a “medalla ao mérito policial”.
O BNG insta o Goberno central a que solicite ante o Consello Superior de Deportes a inhabilitación de Javier Tebas como Presidente da Liga de Fútbol Profesional. As nacionalistas ven totalmente censurábel a aparente influencia de determinadas persoas para lograr unha actuación interesada por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Néstor Rego cualificou de desproporcionada a actuación policial e salientou que “se se consideraba necesario tomar declaración a Álex Bergantiños polos feitos denunciados, o lóxico sería citalo para este cometido, mais en ningún caso se xustifica a súa detención na rúa, diante da súa familia, como se se tratara dun delincuente perigoso”.