DAVID SOTO IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA ESIXIR AO GOBERNO LOCAL QUE POÑA FIN A ESTA SITUACIÓN

Máis dun ano xa sen persoa á fronte da xerencia do Consorcio de Turismo

Alvedro
Foto tirada do FB de Vuela Más Alto
Hai máis dun ano dimitiu, e de forma sorpresiva, o último xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Naranjo, e nesa altura o Goberno Local anunciara que xa estaba preparado o proceso para o seu relevo.
Máis dun ano xa sen persoa á fronte da xerencia do Consorcio de Turismo

Mais o tempo foi pasando e a substitución non se ten producido, motivo polo que o concelleiro do BNG David Soto vén de rexistrar dúas preguntas por escrito.

“Cando se vai nomear unha nova persoa para a xerencia do Consorcio de Turismo?” e “Por que se ten demorado tanto a convocatoria?”, inquire o edil nacionalista.

A non materialización do relevo ten consecuencias, advirte Soto. “Primeiro, para as e os traballadores do Consorcio de Turismo. Segundo, para a veciñanza da cidade, que se ve privada dunha política de turismo que conte cunha persoa tecnicamente cualificada para o desempeño de funcións moi relevantes”, alerta.

Durante este período, por pór un exemplo, o aeroporto de Alvedro -tal e como denunciou o BNG por medio de preguntas por escrito- non só non ampliou o mapa de rutas, senón que apenas foi capaz de prorrogar 4 dos 6 contratos que ten subscrito con aeroliñas.

O propio comité de empresa de Alvedro ten denunciado que a parálise do Consorcio de Turismo, directamente ligada á ausencia dunha persoa á fronte da xerencia, está a afectar negativamente o rendemento da terminal coruñesa.

“Esta situación é insostíbel. A cidade non se pode permitir o luxo de ter vacante durante máis dun ano a xerencia do Consorcio de Turismo. Esixímoslle ao Goberno Local que resolva de vez este asunto”, conclúe Soto.

 

 

 

 

Máis dun ano xa sen persoa á fronte da xerencia do Consorcio de Turismo