JORQUERA PIDE TRANSPARENCIA SOBRE O ACORDO EXTRAXUDICIAL COA CONCESIONARIA
O BNG agarda que, desta volta si, o Goberno Local cumpra os prazos anunciados para o novo concurso de Nostián

“É incomprensíbel a tardanza acumulada á hora de licitar un servizo que leva caducado desde decembro de 2019. Este retraso non fixo senón acentuar os múltiples problemas que afectan a planta”, avalía o noso portavoz Francisco Jorquera.
É preciso lembrar que a concesión rematou o 31 de decembro de 2019 e que o Goberno de Inés Rey dixo, a comezos do seu anterior mandato, que agardaba que os pregos estivesen ultimados ao remate do contrato, cousa que obviamente non aconteceu, de aí que o BNG espera que agora si cumpra cos novos prazos.
Ao mesmo tempo, o voceiro nacionalista demanda do Goberno Local “información transparente” sobre o acordo extraxudicial ao que chegou coa actual concesionaria, “sendo que supón aceptar unha compensación inferior en máis de 7 millóns de euros á reclamación inicial do Concello (se incluímos os xuros de demora”). Puntualiza Jorquera que tamén o Consorcio das Mariñas, “presidido polo señor Santiso Miramontes, do Partido Popular”, tamén chegou a un acordo extraxudicial en parecidos termos.
En relación ao Consorcio, o BNG lamenta que descarte participar na xestión da planta e que a súa aposta sexa manter unha relación “simplemente como cliente”, “cando do noso punto de vista o que cómpre é avanzar na xestión do residuos a escala metropolitana”.
De resto, o BNG ve “imprescindíbel” que os pregos do novo concurso aseguren que no futuro Nostián “sexa unha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, asegurando a fabricación dun compost de calidade, a drástica redución da porcentaxe de refugallos e o seu tratamento co menor impacto ambiental”.