INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 3F

Máis de dous anos despois de concluír a concesión, Nostián continúa sen novo contrato á vista

Jorquera Pleno extraordinario 3 de decembro de 2021
Jorquera, nos corredores do pazo de María Pita
Máis de dous anos despois do fin da concesión da planta de tratamento de residuos de Nostián –concluía en decembro de 2019- continuamos sen saber cando se vai licitar o novo contrato deste servizo, denuncia o grupo municipal do BNG.
Máis de dous anos despois de concluír a concesión, Nostián continúa sen novo contrato á vista

Esta é a razón que anima o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, a levar o asunto ao Pleno de febreiro do próximo xoves 3F en forma de pregunta oral ao Executivo coruñés.

A cuestión reza así: cando saberemos que plans ten o Goberno Municipal a respecto da planta de Nostián?

Sobre esta cuestión, o voceiro nacionalista dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación a, entre outros aspectos, se había xa un horizonte definido para a licitación do novo contrato.

A resposta do Goberno Local foi un monosílabo, “si”, mais sen detallar ningún tipo de prazo. “Xa vai sendo hora de que se precisen datas e se poña a licitación na axenda do Concello. Hai que ir pasando das declaracións aos feitos”, alega Jorquera.

Lembra o portavoz nacionalista que ao pouco de tomar posesión o actual Goberno Local anunciara un investimento de 42 millóns de euros ao longo de 15 anos para dotar a planta de Nostián de novos sistemas que permitan mellorar os seus resultados. Tamén se comprometera a que os pregos da nova concesión estivesen ultimados ao remate da anterior (lembramos: decembro de 2019).

“Mais o certo é que a concesión rematou o 31 de decembro de 2019 e esa previsión nunca se materializou”, denuncia Jorquera.

No capítulo de incumprimentos hai que sumar o anuncio de que se iría a un contrato ponte até se formalizar un novo concurso. Esa previsión tampouco se levou a termo e “o servizo continúa a se prestar en precario (por parte de Albada, cunha prórroga forzosa, e as instalacións continúan a se deteriorar”, conclúe o voceiro nacionalista.

 

 

Máis de dous anos despois de concluír a concesión, Nostián continúa sen novo contrato á vista