“IMOS VOTAR A FAVOR DUNHAS CONTAS DAS QUE SOMOS COPARTÍCIPES”, REMARCOU JORQUERA
Luz verde do Pleno á aprobación inicial dos orzamentos
Nesta súa aprobación inicial, os orzamentos contaron coa votación dos dous grupos municipais que os negociaron, o do PSdeG-PSOE e o do BNG. Foron votados en contra pola bancada do PP.
Como vén sendo costume, o portavoz do PP, Miguel Lorenzo, dedicou tanto tempo a criticar o BNG como o Goberno Local.
“Señor Lorenzo, non nos van marcar vostedes o paso”, advertiulle o noso portavoz, Francisco Jorquera, ao seu homólogo das filas conservadoras.
Para o voceiro nacionalista, moita xente está a sentir “fastío” perante a “degradación do debate público”, o que leva a cidadanía a demandar “outro xeito de facer política”.
“Unha política útil e construtiva, centrada nas demandas e necesidades das coruñesas e os coruñeses”, subliñou Jorquera. E iso é o que fai o BNG, “con propostas en positivo e combinando o exercicio da crítica coa vontade de dialogar e chegar a acordos se son bos para a cidade”.
E estes orzamentos si son bos para a cidade, remarcou. Primeiro, porque cumpren coas premisas previas postas polo BNG para comezar a negociación: a conxelación das taxas e a recuperación dos orzamentos participativos e dunhas bases de execución que devolvan ao Pleno as competencias de control arrebatadas no orzamento de 2025.
Jorquera, ao grupo popular: “Non van vostedes a marcarnos o paso. A veciñanza pídenos outro estilo de facer política, útil e construtiva”
E son bos para a cidade porque apostan pola vivenda -EMVSA a se constituír na auténtica empresa municipal de vivenda-, reforzan o plan de barrios -creado no orzamento de 2024, a proposta do BNG- e dotan o Concello de recursos para tirar da precariedade os servizos municipais que se están a prestar en precario, singularmente os do transporte público urbano e o da planta de Nostián.
Uns orzamentos que incrementan recursos para as políticas de benestar, igualdade, medio ambiente, deportes, cultura e tamén lingua, con achegas para o desenvolvemento do Plano de Normalización Lingüística.
Quixo esclarecer Jorquera que “o BNG non vai votar a favor dos orzamentos do PSOE”, senón a prol dunhas contas que son froito das achegas quer da formación nacionalista quer do Goberno Local. “Imos votar a favor duns orzamentos dos que somos copartícipes”, remarcou.
Conta xeral de 2024
A seguir este Pleno extraordinario, houbo outro, máis breve, para a aprobación da conta xeral do Concello correspondente a 2024.
O BNG votouna a favor, non sen deixar de facer críticas, entre elas a referida a que é necesario mellorar o grao de execución do que se orza e os períodos medios de pago.
Jorquera tamén se detivo na situación do IMCE, ente dependente do Concello, cun informe da Intervención relativa a conta xeral deste instituto municipal que reflicte un resultado negativo do exercicio non axustado de case 600 mil euros.