APOSTAN POLA VIVENDA E OS BARRIOS E REPRESENTAN UN AVANCE DEMOCRÁTICO E PARTICIPATIVO A RESPECTO DAS CONTAS DE 2025

O BNG asina co Goberno Local o acordo que garante uns bos orzamentos para a cidade

Jorquera, a asinar o acordo dos orzamentos para 2026.
Jorquera, no momento da sinatura do acordo
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, e a alcaldesa Inés Rey asinaron esta mañá, no salón vermello do Pazo de María Pita, o acordo que vai permitir que a cidade teña en 2026 uns orzamentos que dan resposta ás necesidades das coruñesas e os coruñeses e que permiten recuperar as garantías de control democrático perdidas nas contas de 2025.
O BNG asina co Goberno Local o acordo que garante uns bos orzamentos para a cidade

Así, o proxecto de orzamentos -salientou Jorquera no encontro cos medios en que se produciu a sinatura do acordo- “avanza en participación e control democrático”, ao se recuperaren “os orzamentos participativos e as competencias do Pleno” á hora de controlar as contas (as bases de execución).

Precisamente, a falta desas garantías democráticas nos orzamentos de 2025 foi un dos factores -xunto cos incumprimentos reiterados de acordos anteriores por parte do Goberno Local- que moveu o BNG a votar en contra das contas aínda vixentes.

A presión política exercida desde entón polo BNG levou o Goberno Local a unha certa rectificación que permitiría abrir un novo espazo para a negociación. Un proceso de conversas ao que esta mañá puxeron o ramo Jorquera e Rey coa súas respectivas sinaturas.

Os orzamentos 2026 darán prioridade á vivenda, reforzarán o Plan de Barrios -xa proposto polo BNG en 2024-, e dotarán o Concello de recursos para licitar servizos que se están a prestar en precario

O voceiro nacionalista puxo en destaque que o acordo, alén dos avances democráticos, dá satisfacción ao conxunto de premisas formuladas polo BNG ao inicio das negociacións, entre as que singularmente se colocaba a conxelación das taxas municipais para 2026.

As prioridades orzamentarias

A xuízo de Jorquera, o acordo “atende as prioridades e incorpora a grande maioría das propostas que o BNG trasladou á mesa de negociación”.

Prioridades como a da vivenda -sen dúbida o principal problema social na cidade- e, nese sentido, o proxecto orzamentario vai reforzar a capacidade económica e a estrutura de EMVSA para na práctica se constituír nunha verdadeira empresa municipal de vivenda. Alén diso, vanse incrementar os fondos para a accesibilidade e rehabilitación, ben como tamén se vai potenciar o programa de asesoramento de persoas inquilinas, creado no seu momento a proposta do BNG.

Acto de sinatura do acordo de orzamentos do Concello para 2026
Os medios, a tomar imaxes do encontro

Non só iso. “O acordo contempla continuar a avanzar na regularización das vivendas de uso turístico”, referiu Jorquera, para alén de lle esixir á Xunta, que é a administración que ostenta a maior parte das competencias, “que deixe de pór paus nas rodas” ao desenvolvemento da declaración da Coruña como zona tensionada.

Tamén a Administración central ten competencias e pode aumentar o parque público de vivenda, “no relativo aos terreos do Ministerio de Defensa e aos activos inmobiliarios da SAREB”, remarcou Jorquera.

Pór os barrios no centro das políticas municipais sempre foi unha prioridade para o BNG e este proxecto de orzamentos non ía ser unha excepción. De feito, o acordo vai reforzar o Plan de Barrios 2025-2027, un programa que, lembrou Jorquera, xa tiña a súa orixe nun plan previo contido nos orzamentos de 2024, e precisamente a proposta do BNG.

Licitar servizos en precario

O proxecto vai permitir tamén que se dote o Concello dos fondos precisos para “regularizar os moitos servizos públicos que se prestan con contratos en precario”, entre outros o transporte público urbano, a recollida e limpeza de lixo ou a planta de tratamento de Nostián, para o cal se fixan “horizontes temporais, na maioría dos casos, claramente definidos”.

Jorquera destacou que o proxecto presta igualmente atención a materias como a mellora da mobilidade, a dinamización económica, o coidado do medio ambiente e dos espazos verdes, o benestar social, a participación e a igualdade, sen esquecer tampouco o apoio ao comercio de proximidade, aos mercados municipais ou ao turismo sostíbel.

Jorquera, durante o acto de sinatura do acordo dos orzamentos do Concello para 2026.
Jorquera, dirixíndose á alcaldesa

“Hai compromisos tamén, e actuacións importantes, en deporte e cultura e á hora de dar impulso á normalización lingüística e ao cumprimento da Lei de Memoria Democrática”, completou Jorquera, para quen o acordo contén un relevante capítulo de demandas diante doutras administracións públicas. “E aquí figuran o impulso á creación da Área Metropolitana e dunha autoridade única de transportes da área da Coruña, ben como tamén a procura por parte do Concello dunha solución para a xestión dos terreos portuarios, a esixencia da condonación da débeda do porto ou o inicio dunha nova negociación sobre o antigo cárcere para a súa devolución, en condicións xustas, ao pobo da Coruña.

Reflexión final

Jorquera reservou os últimos minutos da súa intervención para facer unha reflexión a respecto do que agarda a xente “nestes tempos de degradación do debate público.

“O que demanda a cidadanía é outro xeito de facer política, unha política útil e construtiva, centrada nas demandas e necesidades das persoas. Por iso piden das forzas políticas que sexamos capaces de dialogar e chegar a acordos en beneficio da xente. E iso xusto é o que estamos a facer hoxe ao asinar este acordo”, subliñou.

Jorquera salienta que estes orzamentos non son un proxecto do PSOE que se envía ao Pleno na procura do apoio do BNG, senón unhas contas negociadas conxuntamente durante meses

En todo caso, precisou que os orzamentos -que se someterán este martes 30 de decembro á súa aprobación inicial- non son un proxecto que o Goberno Local envía ao Pleno coa pretensión de obter o voto favorábel do BNG, senón unhas contas “negociadas durante meses” polos grupos municipais socialista e nacionalista.

O orzamento 2026 vai ser, por tanto, produto dun acordo entre dúas forzas políticas que, sendo distintas, si foron capaces de chegar a puntos en común para facer posíbel “que A Coruña teña novos orzamentos como resposta ás demandas e necesidades das coruñesas e coruñeses”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O BNG asina co Goberno Local o acordo que garante uns bos orzamentos para a cidade