A MODIFICACIÓN DOS ORZAMENTOS DO IMCE VAN PARA A ROMARÍA DE SANTA MARGARIDA E CASCARILLARTE, MÁIS ESPAZOS PARA O ESPAREXAMENTO CANINO E LUZ VERDE Á ORDENANZA DE MOBILIDADE

Logros do BNG no #PlenoSetembro

Grupo municipal BNG Pleno setembro
O grupo municipal do BNG minutos antes do comezo do Pleno
Os votos do grupo municipal do BNG foron decisivos para que o Pleno deste xoves 11 de setembro aprobase a modificación dos orzamentos do ICME.
Logros do BNG no #PlenoSetembro

O voto afirmativo da formación nacionalista chega após negociar co Goberno Local que a mudanza nas contas dunha partida de 91 mil euros vaia para financiar a Romaría de Santa Margarida e o programa cultural Cascarillarte.

Inicialmente, no Consello Reitor do IMCE, o BNG votara en contra da modificación destes orzamentos, sendo que a intención do Goberno Local era utilizar eses 91 mil euros -sobrantes dos fondos destinados ás festas dos barrios- a financiar a contratación de “artistas de elevados cachés” e, por tanto, a reforzar un modelo de festas da cidade -grandes espectáculos con nomes foráneos mentres se descoida as e os creadores locais- co que o Bloque discrepa.

Esa negativa do BNG a apoiar a modificación orzamentaria do IMCE fixo que o Goberno Local optase por non a levar ao Pleno extraordinario do pasado 31 de xullo.

Que muda logo para o BNG si apoiar agora esa modificación? Pois o que muda é a propia modificación, sendo que o BNG conseguiu, vía negociación dunha emenda co Goberno Local, que os 91 mil euros se vaian destinar agora non a sufragar os “elevados cachés”, senón a financiar a Romaría de Santa Margarida e o Programa Cultural Cascarillarte.

“Logramos que finalmente ese diñeiro vaia para financiar dous eventos con claro protagonismo dos creadores, intérpretes e axentes culturais da cidade”, remarcou na súa intervención o noso portavoz, Francisco Jorquera.

Captura de pantalla 2025-09-11 104142
Jorquera, no Pleno

O voceiro nacionalista celebrou ter chegado a este acordo co Goberno Local: “Creo que é un exemplo da oposición útil, construtiva e propositiva que practica o BNG”, e que contrapuxo ao estilo dun PP instalado permanentemente na confrontación.

Ordenanza das Praias

Unha oposición útil que se traduciu tamén na consecución dun compromiso por parte do Goberno Local relativo á habilitación das Amorosas e as calas de San Roque como espazos para o esparexemento canino.

Na súa intervención, Jorquera condicionou o voto afirmativo do BNG á Ordenanza de Praais a que o Goberno Local efectivamente habilitase como áreas de esparexemento canino, tamén na temporada de verán, As Amorosas nas Lagoas, “como propón unha persoa a través dunha alegación”, e as Calas de Roque.

“Estes espazos non son obxecto de regulación na presente Ordenanza”, esclareceu Jorquera, “por iso abondaría con que o Goberno Local asuma este compromiso. Pedímoslle que o asuma”, dixo en alusión á concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, “se é así, a aprobación definitiva desta Ordenanza terá o noso voto favorábel”.

E efectivamente, na súa réplica, Neira anunciou a asunción dese compromiso por parte do Goberno Local.

En todo caso, durante a súa intervención Jorquera puxo o acento en que a única praia canina existente na cidade durante o período de verán é o areal de Bens, unha paraxe que infelizmente se acha nun estado moi pouco adecuado para o goce dos animais de compañía -faltan servizos básicos, está moi sucio e até se viu castigado pola presenza de carabelas portuguesas, perigosas para a saúde dos cánidos.

Nese sentido, o BNG instou o Goberno Local a que tome en serio o adecentamento da praia de Bens e a que procure outras alternativas: “Non teríamos problemas en permitir, no verán, o acceso dos cans a algunhas praias en franxas horarias con moi pouca presenza de bañistas”, remarcou Jorquera.

Ordenanza de Mobilidade Sostíbel

Outro froito da oposición construtiva e propositiva do BNG é a aprobación definitiva neste Pleno da Ordenanza de Mobilidade Sostíbel, un dos compromisos contraídos polo PSOE co BNG ao asinarmos o Acordo de Investidura.

“Chega esta ordenanza despois de múltiples iniciativas nosas. Sen temor a equivocarnos podemos dicir que chega froito da nosa presión política”, remarcou a concelleira do BNG Avia Veira, quen, porén, non tivo reparo en destacar o bo talante da concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Captura de pantalla 2025-09-11 120154
Veira, durante a súa intervención

Veira ve na Ordenanza “un bo texto” e unha “boa ferramenta”, ao priorizar por riba de todo os peóns en primeiro lugar e o transporte público a seguir.

Ora, para “saltar do papel á cidade” é necesario un grande esforzo pedagóxico do Goberno Local. “Levamos moito tempo para reclamar unha campaña de senbilización e información á veciñanza, que todas e todos saibamos por onde poden circular as bicis, as VMP...”, acrecentou.

Para o BNG, a mobilidade “é un dereito, unha prioridade” e para garantir o maior benestar cidadá tórnase imprescindíbel que se acabe coa precariedade de moitos servizos municipais que se están a prestar en precario, con contratos -a comezar polo dos buses- xa caducados.

A aprobación definitiva contou cos votos favorábeis de BNG e PSOE e coa abstención do PP.

O Pleno aproba as tres mocións do BNG

De resto, o Pleno aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -a que recollía demandas da veciñanza dos Mallos e a que gravitaba arredor do Festival Noroeste- por unanimidade.

A que versaba sobre o Servizo de Axuda no Fogar -mellora das condicións laborais das súas traballadoras e garantías de seguridade no traballo para elas- foi aprobada co voto en contra do PP.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Logros do BNG no #PlenoSetembro