A liquidación dos orzamentos de 2012 desenmascara a farsa da blindaxe social e dos modificativos
A Coruña, 5 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, que vén de ter acceso á documentación oficial do Concello sobre a liquidación do orzamento municipal de 2012, sinala que este documento desenmascara a farsa dos tres modificativos de crédito aprobados polo Partido Popular ao longo do pasado ano, nomeadamente, quítalle á careta aos falsos incrementos en gasto social, en emprego e en comercio.
A concelleira do BNG Ermitas Valencia cualifica os modificativos de crédito do "trileiro" Goberno do Sr. Negreira de "pura comedia" e de "propaganda", xa que na meirande parte dos casos, os incrementos de partida quedaron sen executar. Achega uns exemplos significativos que desmontan o engano do Goberno municipal e que demostran que o PP atenta contra as persoas máis desfavorecidas, ás que lle mentiu descaradamente, e contra a clase traballadora.
En servizos sociais, o Goberno municipal non gastou 3,7 millóns, cifra que case coincide coa suma dos incrementos dos modificativos, 3,6 millóns
Así, en servizos sociais, área cun orzamento definitivo de 22.861.905 euros, "sobráronlle" ao Sr. Lorenzo, un total de 3.757.800 euros, unha cifra que, curiosamente, case coincide coa suma de todos os modificativos de crédito que supostamente ían blindar o gasto social, 3.623.254,48 euros. O gasto comprometido real desta partida foi, finalmente, de 19.804.662 euros, cifra, tamén curiosamente, moi semellante ao orzamento inicial, 19.238.650 euros.
Valencia lembra as palabras do Goberno municipal, sobre a área de servizos sociais, cando presumía duns modificativos de crédito que amosaban "el compromiso con los más vulnerables", "el incremento en gasto social", "la priorización de los gastos más necesarios para los coruñeses" ou a tan reiterativa até a saciedade "blindaje social". "Nin blindaxe social nin compromiso cos máis vulnerábeis, este Goberno deixou sen gastar, só en servizos sociais, 3,75 millóns nunha cidade con 24.282 persoas desempregadas e na que máis do 20% da cidadanía se atopa en risco de exclusión social", advirte a concelleira do BNG.
A Sra. Cid sobráronlle 4,9 millóns en materia de fomento do emprego e 1,01 millóns en comercio
Engade Valencia os exemplos do departamento que dirixe a Sra. Cid. Malia o nivel de paro que sofre A Coruña, ao Goberno municipal sobráronlle 4.936.530 euros da partida para fomento do emprego, que contaba cun orzamento inicial de 23.853.403 euros. E isto, a pesar de que os modificativos de crédito aumentaron a partida inicial en 3.895.000 euros. Que sobraran 4,9 millóns e se aumentaran con modificativos 3,8 millóns evidencia a lamentábel pantomima do Partido Popular.
Ermitas Valencia tamén desmaquillou as contas de comercio, partida que contaba cun orzamento inicial de 2.059.904 euros e á que se lle engadiron 319.614 euros, cos modificativos aprobados ao longo do pasado ano, uns modificativos que, segundo o Goberno municipal servirían "para dinamizar el comercio local". "Non lle chegou á Sra. Cid con non gastar os cartos incrementados a través dos modificativos, senón que deixou sen executar a metade do orzamento inicial, é dicir, 1.011.178,02 euros", sinala Valencia. A concelleira do BNG considera unha "monumental irresponsabilidade" que o Goberno do Sr. Negreira deixara sen gastar máis de 1 millón de euros, dos 2 inicialmente orzados, en materia de comercio, cando a crise está a acabar co pequeno e mediano comercio da Coruña e cando as políticas antisociais e recortes do Partido Popular nas distintas Administracións provocan a caída libre do consumo.
Neste contexto, Ermitas Valencia reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira de lle saque a man do pescozo á clase traballadora e aos colectivos máis desfavorecidos da cidade, aos que tratou de enganar coa bufonada da blindaxe do gastos sociais e dos modificativos de crédito.