A XUNTA ABSTENSE DE COMPARECER NA CAUSA, DESCOIDANDO OS SEUS DEBERES DE CONTROL DA CONCESIONARIA

Levaremos ao Parlamento galego o caso da morte dunha usuaria na DomusVi Concepción Arenal

matogrande
O BNG, por medio da súa viceportavoz parlamentar Olalla Rodil, vai rexistar unha iniciativa na cámara galega arredor das circunstancias en que se produciu a morte dunha usuaria no Centro DomusVi Concepción Arenal, en Matogrande, o 10 de decembro de 2019.
Levaremos ao Parlamento galego o caso da morte dunha usuaria na DomusVi Concepción Arenal

A Xunta ten decidido non comparecer nun caso que está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 6 da Coruña. Argumenta que, a pesar de a residencia ser pública, a xestión perténcelle a unha compañía privada.

Para o BNG, o argumento é inaceptábel porque ao estarmos ante un centro de titularidade pública cábelle á Xunta a responsabilidade de controlar a xestión da concesionaria, e moito máis cando estamos a falar do coidado de persoas maiores e dun caso que traxicamente resultou na morte dunha persoa.

De acordo coas investigacións policiais, no centro DomusVi Concepción Arenal non había nin médica nin enfermeiras, só auxiliares de enfermaría, durante os feitos e a muller faleceu após ter pasado a noite con febre e ter vomitado.

O BNG entende que concorren suficientes indicios como para desde a Xunta lle esixir responsabilidades a Domusvi.

A Xunta debe facer todo o que está na súa man para garantir un dereito tan fundamental como o dereito a unha vellez digna. Nese sentido, o BNG avoga por “fortalecer o sistema público”, ao tempo que critica a drenaxe de fondos públicos cara ás empresas privadas e entidades relixiosas que continúan a copar o sector das residencias.

En concreto, DomusVI acapara 20% do total de prazas nas residencias galegas, en concreto 4.737, en 30 centros, dos cales 40% son de titularidade pública.

 

Levaremos ao Parlamento galego o caso da morte dunha usuaria na DomusVi Concepción Arenal