PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA AO EXECUTIVO CORUÑÉS
Interpelamos o Goberno Local en relación á súa política sobre as bibliotecas municipais
Este aspecto do Acordo de Investidura de 2019 está pendente de se cumprir, o que leva a concelleira do BNG a lle presentar no Pleno deste xoves unha pregunta oral ao executivo coruñés. “Cal é a política do Goberno Municipal a respecto da rede pública de bibliotecas municipais?”, reza a cuestión que vai formular Avia Veira ao gabinete presidido por Inés Rey.
Hai tres razóns que explican a presentación desta iniciativa. A primeira, o xa devandito incumprimento do Acordo de Investidura. A segunda, que o “contrato de bibliotecas municipais segue en precario e leva así desde 2019”, o cal obviamente “crea nas súas traballadoras moita incerteza e moita inquedanza”. A terceira, os novos horarios destes centros: “Agora as bibliotecas van pechar dous días a mañá e un día á tarde”, relata Veira. “A xustificación disto é que estamos en tempos de programación, mais pensamos que esa é unha escusa que disfraza un claro recorte en cultura que nos fai temer que poda afectar o propio contrato”, subliña. “Hai que ter en conta”, esténdese, “que estes son espazos non só para o préstamo de libros, senón tamén para a lectura da prensa para moita xente maior ou de estudo para a mocidade”.
“É perfectamente posíbel facer a programación sen recortar horarios, tendo as bibliotecas abertas, sempre co control axeitado de aforo no caso de asistencia de grupos”, considera a concelleira nacionalista, quen tamén se vai interesar a través desta pregunta oral sobre os planos que ten o Goberno Local para reforzar os servizos centrais de bibliotecas, “un piar fundamental da rede”.