#PLENOXULLO2021
Levamos a Pleno unha moción contra a tarifa eléctrica
A xuízo do BNG, a reforma que implica este decreto xera un “impacto negativo” nos consumidores e consumidoras, nomeadamente naquelas persoas adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. “Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%”, apunta Jorquera.
A formación nacionalista quer o apoio do Pleno para instar o Goberno a que rectifique e abra un novo proceso de regulación da tarifa eléctrica máis xusto social e territorialmente.
Socialmente, aplicando á factura eléctrica o tipo do 4% no IVE –a electricidade é un ben de primeira necesidade e non un luxo- e eliminando o imposto especial da electricidade.
Do punto de vista territorial, o que cómpre, sinala o BNG, é beneficiar aqueles territorios que, como Galiza, son produtores de enerxía. Como? Compensando o forte impacto ambiental e social que sofren cun abaratamento dos prezos. Ou sexa: introducindo a tarifa eléctrica galega.
A iniciativa que defenderá Jorquera visa tamén que se modifique a Lei 24/2013 do sector eléctrico, de modo a estipular o prezo da electricidade en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía (e non como agora en función do prezo máis caro de produción).