A INFRAESTRUTURA ESTÁ MOI DANADA E É PERIGOSA DADA A SÚA UTILIZACIÓN MASIVA
O BNG pide precintar o aparcamento do Coliseum para garantir a seguridade das persoas
A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou un rogo ao Goberno Local por medio do cal o insta a que ordene o peche do aparcamento do Coliseum, ben como o seu precinto, con vistas a contratar “o máis axilmente posíbel” a reparación integral da súa estrutura
28 xuño 2021 - 13:38
“Actualmente”, indica Veira nesta iniciativa, “o aparcamento presenta un estado estrutural moi lamentábel” e a seguir urxe o Goberno Local a que observe unhas fotografías que achegamos con esta nota de prensa.
Tal e como está neste momento, a infraestrutura representa un risco para as persoas que acoden a se vacinar a ExpoCoruña, máis tamén para aquelas que vaian asistir aos distintos espectáculos que se axenden no Coliseum unha vez que se retome a programación neste recinto.
Por tanto, Veira rexistrou un rogo co seguinte texto: “Que o Goberno Local ordene o peche do aparcamento do Coliseum, así como o seu precinto, e contrate o máis axilmente posíbel unha reparación integral da súa estrutura”.