UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS
Levamos ao Parlamento as listas de espera na Unidade de Mama do Abente y Lago
A parlamentar nacionalista leva este asunto ao Parlamento após coñecer que mulleres operadas de cancro de mama e que precisan seguir un protocolo de revisión cada medio ano “levan meses de demora sen seren atendidas e sen saber aínda cando terán esa cita que precisan”.
É por isto que Queixas inquire o Goberno galego “cando e como pensa rematar coas listas de espera non estruturais na Unidade de Mama do Hospital Abente y Lago”, ao tempo que lle pregunta se é consciente de que non se están a respectar os protocolos de control e seguimento da doenza posteriores á cirurxía de mama.
Salienta Mercedes Queixas que “as listas de espera hospitalarias son un dos indicadores que permiten visualizar a situación da sanidade pública galega”, mais tamén constitúen un signo do “éxito da política de reforzo da sanidade privada” que leva adiante o Partido Popular desde a Xunta.
Con estas iniciativas, a parlamentar do BNG inquire o Goberno galego sobre cantas pacientes, incluídas as que están pendentes de seren citadas, se achan neste momento en lista de espera na Unidade de Mama do Hospital Abente y Lago. “Por que non todas as pacientes reciben unha cita no momento de a solicitar?”, cuestiona.