UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS
Levamos ao Parlamento galego a falta de ventilación nas aulas do Conservatorio Superior
O problema deriva do feito de as xanelas do edificio seren moi estreitas (como se pode ver nas fotografías que se achegan) e, aínda por riba, teren un escaso ángulo de abertura.
A falta de ventilación é, en condicións normais, un atranco para o óptimo desenvolvemento da actividade académica, mais en plena pandemia se torna nun auténtico problema de saúde pública, “nun risco evidente e inadmisíbel para profesorado e alumnado”, subliña Mercedes Queixas.
Sinala a deputada que xa hai meses que a dirección do centro alertou sobre esta situación, sen que desde a Administración galega se adoptase ningún tipo de medida.
“Desde o BNG entendemos que esta situación do Conservatorio Superior de Música da Coruña supón unha eiva inadmisíbel para a práctica docente e un risco evidente para a saúde do persoal e do alumnado”, anota Queixas.
Unha situación semellante á descrita preséntaa o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. Nese caso unha iniciativa do BNG acadou o apoio de todos os grupos da Cámara. Queixas confía en que esta proposición non de lei obteña tamén o mesmo respaldo.