A FORMACIÓN CONSERVADORA REXEITA UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS
O PP só aceptaba que a Xunta puxese 10% das axudas ás mariscadoras durante a dragaxe da Ría do Burgo
A iniciativa do BNG defendeuna a deputada Mercedes Queixas. “Após ter conseguido por fin os fondos europeos para acometer unha obra de recuperación imprescindíbel para este sector produtivo, a Xunta, en función das súas competencias estatuarias plenas en pesca e marisqueo, debe pórse do lado das traballadoras prexudicadas, compensando economicamente as perdas que terán durante o tempo en que se verán obrigadas a cesar na súa actividade extractiva”, afirmou a parlamentar nacionalista.
Durante o debate púxose de relevo que o PP só estaba disposto a comprometer 100 mil euros do orzamento galego para axudas ás mariscadoras. O resto, até completar a cantidade dun millón de euros, tería de ser cofinanciado polos concellos ribeiregos (Cambre, Culleredo, Oleiros e A Coruña) e polo Estado.
Por tanto, o PP só estaba disposto a que a Xunta financiase apenas 10% das axudas e pretendía desprazar parte da carga financeira aos concellos, institucións que non teñen competencias nesta materia.
“É un escándalo que a Xunta lle quixese pasar parte da factura destas axudas aos concellos cando as competencias nesta materia son claramente da administración galega”, afirma Queixas. O PP presentou unha emenda e chegou a negociar un texto transaccional co BNG, mais non foi posíbel o acordo porque a formación conservadora insistiu en que os concellos financiasen parte das compensacións económicas.
“É un escándalo que a Xunta lle quixese pasar parte da factura destas axudas aos concellos cando as competencias nesta materia son claramente da administración galega”, afirma Queixas
“O non do PP condena dobremente o sector do marisqueo da Ría do Burgo. Primeiro, a pandemia obrigounos a parar. Agora o PP négalles unha compensación económica ao se veren obrigados a permanecer inactivos durante algo máis de 2 anos sen solucións alternativas”, denuncia Queixas.