Un vídeo para que se presente xa a demanda sobre a Casa Cornide
O vídeo retrata, desde un rexistro humorístico e cun elenco encabezado pola inefábel parella Francisco Franco e Carmen Polo, como foi artellada a fraude que levou a que a Casa Cornide -xoia arquitectónica barroca en pleno corazón da Cidade Vella, en tempos sede do Concello-, fose espoliada polo ditador, coa entusiasta colaboración de connotados fascistas locais como Pedro Barrié de la Maza ou o naquela altura alcalde Sergio Peñamaría de Llano, devotos franquistas que continúan a contar con rúas na nosa cidade.
“Non ten ningunha explicación que a esta altura o Goberno Local aínda non presentase a demanda, a pesar de lle ter sido solicitado en múltiples ocasións por medio de acordos plenarios a iniciativa do BNG”, remarca Avia Veira.
O BNG non só pide que se formule xa a demanda para que a Casa Cornide se una ao Pazo de Meirás e volte a facer parte do patrimonio público, senón que ten urxido tamén o Goberno Local a que esixa á Xunta o cumprimento por parte da familia Franco das súas obrigas como aínda propietarios dun edificio que está en trámites de ser declarado como BIC.
Entre esas obrigas, que xa están en vigor ao ter sido publicado no DOG a incoación do expediente de declaración, figura a de abrir o palacete no mínimo 4 días á semana durante 4 horas cada xornada.
Sobre este mesmo asunto, Mercedes Queixas vén de rexistrar unha batería de preguntas no Parlamento galego por medio das cales insta a Xunta a que faga un inventario dos bens móbeis contidos na Casa Cornide para evitar que estes sexan retirados pola familia Franco.