Apoio unánime do Pleno de Xullo ás tres mocións do BNG

Foto Pleno Xullo
O Pleno de xullo deu luz verde, por unanimidade, ás tres mocións formuladas polo BNG: para resolver a carencia de ascensores en edificios da cidade, para dar impulso á Área Metropolitana e para mudar o mapa de liñas do transporte público urbano.
Apoio unánime do Pleno de Xullo ás tres mocións do BNG

O Pleno de xullo deu luz verde, por unanimidade, ás tres mocións formuladas polo BNG: para resolver a carencia de ascensores en edificios da cidade, para dar impulso á Área Metropolitana e para mudar o mapa de liñas do transporte público urbano.

Herminia, quen “vive confinada na súa casa por culpa de 10 chanzos dunha escaleira”. María Dolores, quen pasou recluída “os derradeiros anos da súa vida por residir nun edificio sen elevador”. Mulleres que sofreron e sofren unha situación cada día máis frecuente na Coruña, a de viviren como prisioneiras na súa propia morada, pola falta dun elemento, o ascensor, básico á hora de garantir a accesibilidade universal.

Francisco Jorquera, portavoz do BNG e defensor desta moción, achegou solucións a este problema que se poden e se deben articular desde as competencias do Concello: reforzar as liñas de axuda, aprobar unha nova ordenanza sobre a instalación de elevadores, contemplar, cando preciso, a posta en funcionamento de ascensores comúns a unha mazá de vivendas...

E non só iso: tamén se pode activar un servizo de mediación con vistas a procurar consensos cando non exista acordo nas comunidade veciñais para a realización das obras. Igualmente, sería desexábel a apertura dunha Oficina de Información por parte do Concello.

FJ ascensores

“Todo con tal de que unha persoa non viva confinada por 10 chanzos dunha escaleira. As limitacións de mobilidade e os problemas de accesibilidade non poden converter a vivenda dunha persoa na súa prisión”, concluíu Jorquera.

Área Metropolitana

Canto ao impulso á Área Metropolitana da Coruña, o voceiro do BNG comezou por facer un relatorio dos incumprimentos acumulados nesta materia polo Goberno Local. Destarte, lembrou que en outubro de 2019, e por iniciativa da Alcaldía, se puxera en marcha o procedemento para a creación da Área Metropolitana. A un ritmo de tartaruga, tanto que en xuño de 2021 o BNG levou unha moción ao Pleno, que tamén foi aprobada, para instar o Goberno Local a que dese cumprimento a aquel pronunciamento de 2019.

Mais nada ocorreu entre ese momento e agosto de 2021 cando o PSOE e a Marea Atlántica avanzaron que en setembro dese mesmo ano estaría listo un anteproxecto. Anuncio que deu lugar a un novo incumprimento e que animou o BNG a presentar a moción para se debater no Pleno de hoxe.

Nada sucedeu despois ou, en realidade, si, unhas declaracións de Inés Rey en que se cualificaba de “quimera” a creación da Área Metropolitana e se avogaba por no seu canto avanzar no consorcio de servizos entre os concellos. Mais non se fixo nin unha cousa nin a outra, criticou hoxe Jorquera.

Con todo, a realidade metropolitana é obxectiva e haille que dar canto antes unha articulación institucional, polo que o BNG volveu insistir cunha iniciativa de impulso.

O portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, eludiu calquera referencia ás declaracións da alcaldesa e asumiu o discurso do BNG sobre que si é posíbel, e sobre todo é necesario, avanzar na constitución da Área Metropolitana. Xustificou nas urxencias decorrentes da COVID o incumprimento do prazo acordado no seu día coa Marea Atlántica.

“O porto exterior e importantes polígonos industriais están en Arteixo. O aeroporto en Culleredo, o encoro que nos abastece de auga en Cambre e Abegondo. É unha quimera pretender deseñar A Coruña do futuro sen articular esa realidade metropolitana”, concluíu Jorquera.

Mapas de liña

Que, consoante co Acordo de Investidura asinado por PSOE e BNG en 2019, o Goberno Local modifique o mapa de liñas do transporte urbano, de modo a mellorar as conexións dos barrios entre si, ben como os enlaces cos polígonos industriais, os hospitais e os centros de saúde. Así o demandaba a moción do BNG que defendeu Avia Veira e que obtivo o apoio unánime do Pleno.

Avia no Pleno

Veira censurou que toda a política de transporte urbano está condicionada polos intereses da concesionaria, á que se lle concedeu unha subvención con fondos estatais -5,5 millóns de euros- pese “aos informes negativos do interventor municipal”.

Si aos intereses da concesionaria, non aos compromisos de mellora do servizo. “O anterior concelleiro falaba dalgúns retoques no mapa de liñas, o actual aprázaos á nova concesión”, dixo Veira. O problema é que aprazalos á nova concesión é tanto como os adiar até no mínimo 2024, denunciou a concelleira nacionalista.

O BNG aceptou unha emenda ao seu texto por parte do PP –por se cinxir á nosa iniciativa, por se referir á mudanza do mapa de liñas- e non así a formulada pola Marea Atlántica –por exceder con moito o asunto abordado na nosa moción.

 

 

 

 

 

Apoio unánime do Pleno de Xullo ás tres mocións do BNG