SESIÓN DE CONTROL AO EXECUTIVO CORUÑÉS

Lage admite que o cumprimento do Acordo de Investidura é "desigual" e Jorquera advírtelle que o BNG é paciente pero que "a paciencia ten un límite"

Captura de pantalla 2024-03-07 103708
Un momento do Pleno
Interpelado no Pleno por Francisco Jorquera, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, admitiu que o cumprimento do Acordo de Investidura é “desigual”, se ben dixo agardar que nos próximos meses se lle poda dar impulso.
Lage admite que o cumprimento do Acordo de Investidura é "desigual" e Jorquera advírtelle que o BNG é paciente pero que "a paciencia ten un límite"

Ante esta resposta, Jorquera advertiu ao Goberno Local que “o BNG é paciente, pero a paciencia ten un límite”. “Continuaremos a facer unha oposición propositiva e construtiva, pensando sempre nos cidadáns. Pero aínda que nós puidésemos agardar, quen non pode agardar é a cidade”, remachou.

A troca de impresións sobre o grao de cumprimento do Acordo de Investidura produciuse durante a sesión de control ao Goberno no Pleno, ao interpelar Jorquera ao Executivo coruñés sobre a materialización dos compromisos a curto prazo contraídos co BNG polo grupo socialista e que cimentaron un pacto que lle permitiu a Inés Rey -en minoría na Corporación- acceder á Alcaldía.

Na súa intervención, Jorquera tamén tivo palabras para o PP. “O BNG non é socio de goberno. Digo isto porque o grupo popular insiste en referirse así o BNG” ,dixo.

Esclareceu o asunto cun exemplo: quen si é socio de goberno do PP é Vox, “un partido fascista, machista e anti-galego”. “É socio de goberno pois alí onde suman cogobernan xuntos. Mais na Coruña non existe un goberno de coalición entre PSOE e BNG. Nós estamos na oposición. Iso si, somos decisivos e facilitamos a investidura de Inés Rey, pero froito dun acordo”, explicou.

O BNG non é socio de goberno. Digo isto porque o grupo popular insiste en referirse así o BNG” ,dixo. Esclareceu o asunto cun exemplo: quen si é socio de goberno do PP é Vox, “un partido fascista, machista e anti-galego”

Será precisamente agora “o respecto a ese acordo o que marcará o ton da oposición que exerza o BNG” e a ese respecto aínda quixo ser máis claro: “Se se se respectar ese acordo, a nosa actitude vai ser colaborativa, porque cremos que ese acordo é bo para a cidade”

E, de feito, froito dese acordo o Concello por fin comezou o ano cos orzamentos aprobados en tempo e forma, resaltou.

Porén, os incumprimentos daqueles acordos axendados para a súa materialización durante os primeiros seis meses do mandato son demasiados e así relacionou, entre outras, as seguintes materias pendentes: a apertura dun proceso de investigación sobre a situación dos servizos de limpeza e recollida do lixo, a redacción dos plans municipais de accesibilidade e inclusión social, a creación do Consello Económico e Social, a ordenación das terrazas, o inicio da revisión do mapa de liñas de buses e o estudo da ampliación de horarios e intensificación das frecuencias, a elaboración do Plan de Normalización Lingüística e a interposición dunha demanda para a recuperación da Casa Cornide.

“Señoras e señores do Goberno, aplíquense, poñan as pilas e falen coa veciñanza”, urxiu, porque “hai malestar pola súa tardanza nas respostas, até  o punto de que moitas veces nin sequera contestan as peticións veciñais”. “Gobernan”, estendeuse, “como se non fosen conscientes de que están en minoría e de que hai problemas que cómpre atallar”.

Por súa parte, Lage concedeu que o cumprimento do Acordo de Investidura é “desigual” e que hai asuntos en fase de desenvolvemento e outros directamente pendentes de se executar.

“Vostedes gobernan como se non fosen conscientes de que están en minoría e de que hai problemas que cómpre atallar”.

Entre os que poderían vir a se concretar este 2024 citou expresamente a constitución do Consello Económico e Social –“unha decisión de alcance”, dixo-, un órgano cuxa constitución foi proposta xa polo BNG durante o pasado mandato, co respaldo dunha moción aprobada no Pleno.

Lage anunciou que nas próximas semanas se podería producir unha reunión da Comisión de Seguimento do Acordo para avanzar no seu cumprimento.

“Saian da parálise, que xa logo levamos consumido o primeiro ano de mandato”, demandoulle Jorquera. “E, por suposto, cumpran os acordos. Porque un goberno que non cumpre os acordos nin é fiábel nin é merecedor de confianza”, concluíu o portavoz nacionalista.

 

 

 

 

 

Lage admite que o cumprimento do Acordo de Investidura é "desigual" e Jorquera advírtelle que o BNG é paciente pero que "a paciencia ten un límite"