Jorquera visita as instalacións de Mulleres Colleiteiras e pide a renovación do seu convenio
Mulleres Colleiteiras é a entidade que, mediante un convenio co Concello da Coruña, se ocupa da recollida e tratamento do aceite doméstico usado. Ese convenio caduca o vindeiro 2 de maio.
Jorquera -que realizou a visita ás instalacións da man da xerenta de Mulleres Colleiteiras, Susana Peña- insta o Goberno Local a que manteña o convenio e, por tanto, non saque a concurso este servizo. A cuestión xa a levou a Pleno o pasado 3 de marzo.
O candidato nacionalista á Alcaldía sostén que non hai nada na lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminantes de Galiza nin na Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular que obrigue a que a prestación deste servizo se saque a concurso.
“Ao contrario”, argúe, “a propia disposición adicional undécima da lei estatal, sobre contratos en vigor das entidades locais permite transformar o actual convenio nun contrato con Mulleres Colleiteiras para que sigan prestando este servizo, xa que non hai contraprestación económica”. É exactamente o que vén acontecendo “con multitude de contratos subscritos polas administracións con entidades de economía social”, sendo que “a propia normativa autonómica contempla o réxime de concertos sociais”.
O actual modelo de recollida e tratamento do aceite doméstico usado, xestionado por Mulleres Colleiteiras, está a ser francamente positivo para a cidade do punto de vista medioambiental como o proba o feito de que se ocupa da recollida e reutilización de miles de litros de aceite na Coruña, “con incrementos do 30 e o 40% do aceite doméstico recollido e reciclado nos últimos dous anos”, apunta Jorquera. Aprovéitanse, pois, os recursos e evítanse a xeración de residuos.
Mais tamén é un programa cun “grande interese social” ao fornecer emprego a mulleres en risco de exclusión.
Neste mandato, o BNG formulou diversas iniciativas a respecto de Mulleres Colleiteiras. A formación nacionalista interesouse polos roubos de aceite que se producen nos contedores que existen na cidade, “non só polo prexuízo económico que lle supón a Mulleres Colleiteiras, tamén polo grave problema de saúde pública que pode ocasionar, sendo que o aceite roubado se comercializa sen o control e as debidas garantías sanitarias”.
A necesidade de dotar dunha nova nave a Mulleres Colleiteiras –a do Polígono de Iñás téñena que abandonar en 2024- fixo que o BNG demandase ao Concello que se solventase este problema sen que até o de agora se atendese a solicitude.
Por outra banda, o Bloque denunciou o incumprimento por parte do Goberno Local do seu compromiso de incrementar o número de colectores de aceites domésticos existentes no termo municipal. Na campaña electoral Inés Rey chegou a comprometer a instalación de 20 novos contedores ao ano con vistas a acadar en 2023 a cifra total de 125. “Mais este compromiso continúa sen se facer realidade”, conclúe Jorquera.
Na visita, Jorquera estivo acompañado polos portavoces do BNG nos concellos de Oleiros, Iván Roca; Culleredo, Tono Chouciño; Carral, Amancio Sotillo e Abegondo, Blan García Roel, ben como tamén polos concelleira e o concelleiro nacionalistas de Culleredo Gonzalo Méndez e Bea a de Estrella.