NO PLENO DO VINDEIRO 2 DE XULLO

Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local que vai facer para evitar o peche dunha oficina de Abanca no Castrillón

Será unha pregunta oral no próximo pleno ordinario a realizar pola Corporación (o vindeiro xoves 2 de xullo) e vaina formular o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local que vai facer para evitar o peche dunha oficina de Abanca no Castrillón

"Que xestións realizou ou vai realizar o Goberno Municipal ante o anuncio de peche por parte de Abanca da súa sucursal situada na Avenida da Concordia número 44 da Coruña", reza o contido da pregunta oral que vén de rexistrar Francisco Jorquera.

O voceiro do BNG, que participou no serán deste martes nunha concentración veciñal na Praza da Concordia en protesta pola supresión da oficina de Abanca, insta o Goberno Local a que presione politicamente a entidade financeira para que reconsidere a súa decisión de prescindir dunha sucursal que presta servizos ás veciñas e os veciños, unha decisión especialmente lesiva para as persoas de maior idade que teñen dificuldades de desprazamento e que non están afeitas a faceren xestións on line.

20200616_202155"É importante lembrar que falamos dunha entidade que foi saneada con recursos públicos, nada máis e nada menos con máis de 8 mil millóns de euros. Despois de ser saneada con diñeiro público, foi regalada a un operador privado e a consecuencia deste práctica é que agora ese operador privador adopta decisións que poden significar a exclusión de servizos financeiros que van sufrir moitos habitantes deste barrio", afirma Francisco Jorquera. "Estamos a falar dunha zona da cidade moi envellecida, con moita xente maior, que dificilmente pode resolver as súas xestións bancarias a través de Internet", relata o voceiro nacionalista. E engade: "Estamos a falar dun barrio con moitas costas, onde desprazarse á sucursal máis próxima para as persoas maiores require dun esforzo físico extenuante".

20200616_202454Abanca ten, por tanto, que dar marcha atrás e para para iso é tan imprescindíbel a mobilización social, que o BNG aplaude, como a presión política que se ten que exercer desde María Pita. Daí que o BNG vaia levar este asunto ao próximo Pleno da Corporación. "Urxiremos o Goberno Local a que teña unha interlocución directa coa entidade financeira para que esta reconsidere a súa decisión e manteña aberta a súa sucursal da Avenida da Concordia", conclúe Jorquera.

Jorquera vaille preguntar ao Goberno Local que vai facer para evitar o peche dunha oficina de Abanca no Castrillón