PREGUNTA ORAL NO PLENO DO 1-O

Jorquera urxe o Goberno Local a que abra xa a negociación dos orzamentos 2021

Jorquera en María Pita
No acordo de investidura asinado por BNG e PSdeG en xuño de 2019 figuraba expresamente que a negociación dos orzamentos do Concello comezaría sempre no mes de setembro, co propósito de que puidesen entrar en vigor a principios de cada ano.
Jorquera urxe o Goberno Local a que abra xa a negociación dos orzamentos 2021

“Estamos na recta final de setembro e aínda non se iniciou a negociación”,  constata Francisco Jorquera, quen insta o Goberno Local a que abra xa o proceso de diálogo cos grupos municipais arredor das contas do Concello para 2021.

“Os orzamentos constitúen a principal ferramenta que ten nas súas mans o Concello para lle facer fronte á profunda crise económica e social causada pola pandemia. Cuns orzamentos ben orientados poderemos xerar dinamismo económico na cidade, e por tanto, contribuírmos para crear emprego e poderemos tamén dotar de máis recursos ás politicas sociais para atender prioritariamente as persoas que están en situación de exclusión social ou que poden caer nela”, considera Francisco Jorquera. “Non hai tempo que perder. O ano pasado, xa non entraron en vigor a principios de xaneiro. O Concello non debería repetir ese erro”, esténdese.

É hora, por tanto, “de que o Goberno Local esclareza cales son as súas premisas e os seus plans de cara aos orzamentos 2021 e inicie a tal efecto o proceso de diálogo e negociación con todos os grupos municipais. É o que cómpre facer neste momento e é o que no seu momento acordamos BNG e PSdeG”, conclúe.

 

Jorquera urxe o Goberno Local a que abra xa a negociación dos orzamentos 2021