O BNG leva as alegacións da Confraría de Pescadores sobre a dragaxe da Ría aos plenos da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo
A Declaración Institucional pide basicamente dúas cuestións. A primeira, que se resolvan todos os trámites administrativos e as dotacións orzamentarias necesarias para a licitación e arranque das obras. A segunda, que se complemente o procedemento para a licitación desta actuación “atendendo ao contido das alegacións presentadas no seu día pola Confraría de Pescadores da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, así como do conxunto por todos os integrantes da Mesa da Ría”.
O BNG concorda coa Confraría de Pescadores e coa Plataforma en Defensa da Ría con que “é urxente que rematen os permanentes conflitos entre as diferentes administracións” e que se acometan de vez “todas as actuacións” precisas para rexenerar a ría.
Cabe lembrar que a estas alturas, e tal e como denuncian as mariscadoras, ningunha administración se ten posto en contacto con elas para lles esclarecer a contía das axudas que van percibir durante o tempo en que, a consecuencia das obras, non van poder desenvolver a súa actividade profesional.
A Confraría de Pescadores reclamaba tamén, demanda que o BNG partilla, ter participación tamén na comisión de seguimento das obras, conxuntamente coa Universidade da Coruña e Defensa da Ría.