PREGUNTA DE AVIA VEIRA SOBRE A NON EXECUCIÓN DUNHA PROPOSTA DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS NA AVENIDA DE ARTEIXO

Canto se tarda en pintar un paso de peóns?

Foto paso de peóns
O lugar onde tería de ir o paso de peóns
“Canto cre o Goberno Local que se tarda en pintar un paso de peóns?”, así reza a pregunta oral que a concelleira do BNG Avia Veira lle vai dirixir ao Executivo coruñés no Pleno que vai ter lugar este xoves 12 de xaneiro.
Canto se tarda en pintar un paso de peóns?

Veira interésase por esta cuestión ao non se ter materializado aínda unha proposta dos orzamentos participativos feita por veciñas e veciños da zona para establecer un paso de peóns á altura do número 121 da Avenida de Arteixo.

A proposta foi asumida polo Goberno Local no capítulo de investimentos dos orzamentos do Concello para 2022 cun custo de 85 mil euros, mais aínda non foi executada, de aí esta iniciativa de Avia Veira.

“Este simple investimento non foi realizado este 2022. Por iso preguntámoslle ao Goberno Local canto se tarda en pintar un paso de peóns”, explica a nosa concelleira. “Vimos que na Praza de Lugo”, acrecenta, “onde xa había 4 pasos de peóns, inventaron un novo en forma de X e, de súpeto, parece como se non fose posíbel facer un á altura do 121 da Avenida de Arteixo”, critica.

Ao non existir un paso de peóns, a xente fai o tránsito nas mesmas a esta altura da Avenida de Arteixo, como se pode comprobar no carreiro terroso formado na mediana axardinada que separa ambos sentidos da circulación.

Que non se materializase aínda este investimento mostra a “desidia” do Goberno Local á hora de executar os orzamentos e a “falta dun compromiso suficiente” por parte do Executivo coruñés coa mobilidade peonil.

 “A falta de pasos de peóns en moitas rúas amplas como é a Avenida de Arteixo é un problema co que batemos acotío as persoas que andamos pola cidade. E non é a única deficiencia, hai tamén pasos de peóns escorregadizos ou semáforos que duran moi pouco tempo en verde. Cuestións que cómpre resolver se verdadeiramente se pretende apostar por irmos de a pé polas rúas da Coruña”, conclúe Veira.

 

Canto se tarda en pintar un paso de peóns?