AS MUDANZAS ESTÁN EN "CLARA CONTRADICIÓN" CO "TRIUNFALISMO" DE INÉS REY AO AVALIAR O PRIMEIRO ANO DO SEU SEGUNDO MANDATO

Jorquera ve na remodelación do Goberno Local o recoñecemento de que a estrutura das macro-áreas non estaba a funcionar

Conferencia de prensa propostas BNG para os orzamentos do Concello 2024. Francisco Jorquera.
Jorquera, nunha conferencia de prensa
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, ve na remodelación do Goberno Local, anunciada esta mañá pola alcaldesa, o recoñecemento de que a estrutura coa que o Executivo coruñés encetou este mandato -con tres macro-áreas e concelleiros de primeira e concelleiros de segunda- non funcionaba e estaba a conducir “á ineficacia e á parálise na xestión municipal”.
Jorquera ve na remodelación do Goberno Local o recoñecemento de que a estrutura das macro-áreas non estaba a funcionar

Xa desde o principio do mandato, o BNG criticou esta estrutura de Goberno Local por concentrar as principais decisións “en moi poucas mans”, o que inevitabelmente resulta na falta de axilidade na tramitación e impulso dos asuntos e das tarefas do Concello.

Alén de máis, salienta Jorquera, hai unha “clara contradición” entre facer unha lectura “triunfalista” deste primeiro ano do segundo mandato de Inés Rey e logo anunciar unha remodelación profunda do Goberno Local, con alteración non só da estrutura de goberno, senón tamén con redistribución de competencias.

Canto ás mudanzas introducidas, Jorquera sinala como “significativa” a retirada das competencias de Urbanismo ao portavoz do Goberno Local, após o BNG ter denunciado irregularidades na tramitación dun inmóbel da súa propiedade.

Tamén é significativa a mudanza en Medio Ambiente xusto cando se debe proceder canto antes á licitación do novo contrato de Nostián. En troca, chama a atención que non se produzan alteracións na área de Cultura a pesar de que estas semanas atrás se evidenciou con toda clareza a mala xestión do IMCE.

 

Jorquera ve na remodelación do Goberno Local o recoñecemento de que a estrutura das macro-áreas non estaba a funcionar