Jorquera reivindica a política e convida a mocidade a "votar e a ser esixente cos gobernos"
Jorquera interveu nunha actividade académica baixo o rótulo de “Diálogo sobre o futuro da Coruña” e foi presentado polas profesoras María de los Ángeles Fernández Ramil e Margarita Borreguero.
“Pídovos que confiedes na política. Sei que moitos de vós estades enfastiados ante o espectáculo que dan algúns políticos. Eu tamén sinto ese fastío moitas veces. Mais pídovos que confiedes na política porque é a ferramenta que temos para influír no que é de todas e de todos, na causa pública”.
“Convídovos a que o próximo 28 de maio votedes, que exerzades o voso dereito a participar”, díxolles ao nutrido grupo de alumnas e alumnos presentes na biblioteca desta universidade, aos que chamou tamén a “serdes esixentes co goberno resultante das urnas”. “Sempre hai que pedir a rendición de contas e o cumprimento dos compromisos”.
“Loxicamente”, engadiu, “son candidato e pídovos o voto para o BNG, mais sobre todo pídovos que votedes, que participedes”.
Jorquera pide o voto para o BNG porque “despois de a cidade probar nos últimos 12 anos con gobernos de distinto signo, é preciso un cambio de rumbo que lle dea á cidade o impulso que A Coruña precisa”. Esa mudanza só pode vir da man do BNG, aduciu. “Se John Lennon pedía en plena guerra de Vietnam unha oportunidade á paz, petición que hoxe está plenamente vixente, eu, parafraseando o xenio de Liverpool, atrévome a pedirvos que lle deades unha oportunidade ao BNG”, concluíu.