JORQUERA PRESENTA A PORTAVOZ NACIONAL NUN ALMORZO NO NORDÉS CLUB EMPRESARIAL
"Como alcalde a miña relación con Ana Pontón como presidenta da Xunta será frutífera para A Coruña e para Galiza"
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, presentou esta mañá Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, durante o almorzo que a líder da formación nacionalista, convidada polo Nordés Club Empresarial, protagonizou na sede desta entidade, en Matogrande.
Jorquera puxo en valor que a portavoz nacional do BNG ten achegado “un discurso sereo, apegado á realidade, sensíbel cos problemas e as aspiracións da xente”.
“Un discurso positivo e ilusionante. Empático e inclusivo. Trazos que fan dela a persoa chamada a liderar o noso país”, dixo Jorquera, quen avanzou que como alcalde da cidade a partir do vindeiro 28 de maio a súa relación con Ana Pontón como futura presidenta da Xunta será “frutífera e boa para A Coruña e Galiza”.
Lembrou que coñece Ana Pontón “desde hai moito tempo”. “Coincidín con ela na dirección do BNG e tamén no Parlamento galego. E por iso, para min, as cualidades de liderado que demostrou Ana, tras asumir a portavocía do BNG, non foron unha sorpresa. Coñecía de sobra as súas capacidades. Ana é unha persoa capaz e intelixente. É unha persoa cercana e empática”, concluíu o seu breve retrato da líder nacionalista.