ACTO PÚBLICO EN ASCEGA
Jorquera pídelle ás coruñesas e coruñeses "que lle dean unha oportunidade ao BNG"
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, presentou esta mañá as listas mestras da proposta coa que a formación nacionalista concorrerá ás eleccións municipais de maio nun acto organizado pola Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA).
Jorquera argumentou que as solucións aos problemas da Coruña non pasan nin por un retorno ao pasado, en alusión ao PP (goberno de Carlos Negreira), nin por “catro anos máis do mesmo”, en referencia ao executivo de Inés Rey. O que fai falta é “un cambio de rumbo”
Evocando o “Give Peace a Chance” de John Lennon, Jorquera dixo: “Fago unha apelación a todas as coruñesas e coruñeses: que lle dean unha oportunidade ao BNG. Creo humildemente que o BNG, polo seu traballo, merece unha oportunidade. Desde logo, anticípovos”, díxolle ao auditorio que enchía o salón de actos de ASCEGA, “que nestas eleccións que van vir, o BNG non acepta o papel de rol secundario que nos pretenden asignar o PP e o PSOE. Esa non é a nosa vocación nin a nosa ambición. Presentámonos ás eleccións con vocación real de ser unha alternativa e, polo tanto, de liderar politicamente esta cidade”.
En Ascega, Jorquera fixo un rascuño das liñas mestras da proposta do BNG. “Digo as liñas mestras, non o programa, porque o programa aínda está en elaboración, e ademais queremos que sexa un programa feito en diálogo coa sociedade, aberto ás achegas e suxestións que nos fagan os cidadáns e o tecido asociativo”.
Na súa intervención, o candidato nacionalista á Alcaldía fixo unha somera descrición do Goberno Local, xa no tramo final do seu mandato. “Tivemos un goberno feble, no que todo recae nun núcleo moi reducido de persoas. Froito diso, o seu funcionamento é moi lento e moitas cuestións fican sen atender”, remarcou.
Un goberno feble e un goberno “dividido”. “Foron continuos os conflitos e recomposicións do goberno ao longo do mandato. Na práctica non se conta con moitos concelleiros nin se conta con boa parte do partido que dá soporte ao Goberno Local na Coruña”.
A consecuencia é que “á cidade lle falta impulso”, entre outras cousas “porque non hai verdeiro proxecto de cidade”. Alén diso, o Goberno Local falla tamén no elemental, na xestión do día a día, “chámese limpeza, mantemento, retrasos na concesión de licenzas”.
A saída a esta situación é un “cambio de rumbo” que só pode protagonizar unha forza “solvente”, co aval dos gobernos locais nacionalistas en vilas e cidades do país, e “unha forza emerxente e á alza na cidade”, isto é, o BNG.
O BNG si ten proxecto de cidade, resaltou Jorquera. “Precisamos un cambio de rumbo para construír unha cidade para vivir e para traballar”, dixo. Unha cidade que sexa modelo de calidade de vida e á vez motor económico de Galiza, coa vocación de ser a grande urbe do norte da Eurorexión Galiza-Norte de Portugal.
O papel do Concello nese marco ten de ser o de “exercer un papel de liderado, de indutor dun proxecto de futuro”, en interlocución permanente coa Universidade, co resto das administracións públicas e cos axentes sociais.
“Por iso propuxemos crear un Consello Económico e Social para impulsar un plan estratéxico de desenvolvemento da cidade e da comarca”, relatou Jorquera, quen lamentou que “como tantas outras cousas neste mandato, o Goberno Local aceptou esa proposta, mais logo non a levou á práctica”.
Renovar e diversificar o sector industrial, apostar pola innovación e a investigación, pola economía do mar co porto en primeiro plano e pór en valor que A Coruña é unha referencia mundial na produción téxtil son elementos básicos para relanzar a cidade e a comarca, ben como tamén a revitalización do pequeno comercio coa recuperación e dinamización dos mercados municipais ou a posta en marcha en serio dun banco público de locais desocupados para a súa oferta en alugueiro a prezos taxados.
O proxecto de cidade non pode desenvolverse virando as costas á súa vocación metropolitana e ese un dos grandes debes da xestión de Inés Rey. Sen dar pasos avante na conformación da área metropolitana –e durante este mandato non se deu o primeiro- é imposíbel resolver problemas como a mobilidade –esta semana vivimos un atasco enorme- ou a vivenda. “Hai que apostar pola mellora do bus metropolitano e outras formas de transporte como o ferrocarril de proximidade e mesmo o transporte marítimo”, detallou Jorquera.
De resto, e verbo da política cultural e deportiva deste Goberno Local, abonda dicir que son áreas descabezadas, sen concelleiras ao seu fronte, máis unha manifestación de que nos achamos fronte “un goberno feble, dividido e inestábel”.
“En definitiva, que A Coruña queremos?”, preguntouse para concluír o noso candidato á Alcaldía. “Pois queremos a cidade que merecemos. Unha A Coruña mellor. Unha A Coruña que ten que ser motor económico de Galiza, e ao tempo unha A Coruña amábel para vivir, humanizada en todos os seus barrios, unha cidade integradora e cohesionada”.