PREGUNTA ORAL AO EXECUTIVO CORUÑÉS
Jorquera leva ao Pleno a investigación pendente das eventuais responsabilidades das concesionarias no caso STL
Ese compromiso, remarca Jorquera, figura no Acordo de Investidura asinado polos grupos municipais de PSdeG-PSOE e BNG.
O teor literal da pregunta oral que formulará o noso portavoz é o seguinte: “Que valoración fai o Goberno Local da situación dos servizos de limpeza viaria e recollida do lixo?”.
Baixo o noso punto de vista, un “problema estrutural” impide o normal funcionamento deses servizos concesionados.
“Este Nadal”, relata Jorquera, “atopámonos con noticias como as seguintes: El líder del STL gana el pulso y recupera el poder a cambio de una Navidad sin basura ou Los comités de empresa recuperan el mando de la selección del personal”, dixo citando titulares de prensa.
Para o BNG, avalía, “unha cousa son as demandas sindicais xustas e lexítimas e outra cousa distinta son as prácticas chantaxistas de grupos con comportamentos mafiosos que ditan as políticas de persoal e practican a represión sindical cos traballadores que non se someten á súa rede clientelar”.
O STL está a ser investigado xudicialmente por delitos moi graves, mais tamén cómpre pesquisar as eventuais responsabilidades das concesionarias, de aí o compromiso establecido no Acordo de Investidura. É hora de que o Goberno Local informe ao Pleno sobre que pasos ten dado, se algún, na dirección do cumprimento dese compromiso, salienta Jorquera.
O STL está a ser investigado xudicialmente por delitos moi graves, mais tamén cómpre pesquisar as eventuais responsabilidades das concesionarias, de aí o compromiso establecido no Acordo de Investidura
De resto, o portavoz do BNG advirte que “no noso contacto coa cidadanía extraemos a clara conclusión de que existe un malestar xeneralizado en relación ao funcionamento destes servizos municipais”.
Así, durante as recentes festas do Natal foi moi notorio como “moitos contedores de vidro ou de papel e cartón permaneceron desbordados durante días, con botellas e queixas amoreadas na contorna dos colectores”.
E a respecto dos voluminosos -asunto que o BNG levou xa ao Pleno do pasado mes de outubro-, hai rúas que parecen “un expositor ao ar libre de colchóns, sofás, móbeis destartalados e outros residuos de grande tamaño”.
É por iso que o BNG demanda do Concello “que supervise o cumprimento por parte das concesionarias das condicións establecidas para a prestación dos servizos de limpeza e recollida”.