Jorquera lémbralle ao candidato do PP que as principais competencias en vivenda son da Xunta

FJ ao PP
Jorquera, durante o debate
"O candidato do PP insiste na carestía de vivenda na Coruña ignorando que as principais competencias son da Xunta de Galiza, ignorando que o Goberno galego carece dunha política de vivenda merecente de tal nome", afirmou esta mañá o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera.
Jorquera lémbralle ao candidato do PP que as principais competencias en vivenda son da Xunta

"No catálogo competencial, por moito que desde o Concello se podan facer máis cousas, as principais competencias tenas a Xunta. Cal é o problema? Que na Coruña desde hai xa moitos anos non hai unha promoción de vivenda pública impulsada pola Xunta merecente de tal nome. Todas as promocións que se executaron nos últimos anos foron iniciadas en 2008 cando aínda non gobernaba o PP. O único que se anuncia como actuación estrela son 40 vivendas de protección oficial en Xuxán, un número absolutamente insuficiente para as necesidades desta cidade", dixo Jorquera durante un debate en Radio Coruña con portavoces do resto de grupo municipais.

Se queremos incidir no mercado para facilitar o acceso a unha vivenda digna, unha ferramenta esencial son as promocións públicas. "E quen ten os instrumentos?", preguntouse Jorquera. "Pois a Xunta de Galiza", respondeuse.

Mais tamén hai que ser esixentes desde o Concello co Estado. Nese sentido, lembrou o portavoz do BNG que o Pleno aprobou unha moción nacionalista para o Goberno Local negociar coa SAREB a cesión ao Concello de inmóbeis con vistas a seren postos en aluguer a prezos taxados. O último que sabemos a este respecto é que a SAREB estaría disposta a ceder 6 inmóbeis, unha cantidade francamente insuficiente. 

Tamén hai que ser esixentes desde o Concello co Estado, subliñou Jorquera, quen lle pediu ao concelleiro de Urbanismo que non fose tan autocompracente

Porén, e aínda que sexa a administración con menos rango competencial nesta materia, "desde o Concello tamén se poden facer máis cousas", argüíu Jorquera. "É bon non ser tan autocompracente", díxolle Jorquera ao concelleiro de Urbanismo, ao tempo que lembrou que os proxectos estrela anunciados no seu día polo Executivo coruñés -50 vivendas en Xuxán, un edificio en Pontejos- están aínda por se materializaren. "Sería o segundo mandato consecutivo en que continuamos sen que eses proxectos se fagan realidade", criticou.

Canto á situación dos barrios na cidade, Jorquera anunciou que un goberno local liderado polo BNG impulsará a partir de maio un Plan de Rexeneración Integral para os barrios. "A Coruña é a cidade galega na que as desigualdades sociais aumentaron en maior grao nos últimos anos", o que acentou as diferenzas entre "barrios ricos e barrios pobres". "O Goberno Local fallou neste mandato na xestión do día a día: desde a limpeza até o mantemento de vías públicas e beirarrúas. Faltan zonas verdes. A aposta do BNG é por unha cidade que sexa modelo de calidade urbana, unha cidade que poña os barrios no centro", concluíu.

Jorquera lémbralle ao candidato do PP que as principais competencias en vivenda son da Xunta