CONFERENCIA DE PRENSA DO NOSO CANDIDATO Á ALCALDÍA

Jorquera lamenta que a alcaldesa non defendese ante o Estado o modelo coruñés de tratamento do lixo

Conferencia de prensa modelo Coruña tratamento lixo
O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía en maio, Francisco Jorquera, anunciou esta mañá que no Pleno do vindeiro 2 de febreiro o Bloque vaille formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés para saber que xestións fixo a alcaldesa con vistas a defender, durante a tramitación da Lei de Residuos, o modelo húmido seco de xestión e tratamento de residuos, o que cualificou como modelo coruñés.
Jorquera lamenta que a alcaldesa non defendese ante o Estado o modelo coruñés de tratamento do lixo

“Non temos coñecemento de que a alcaldesa fixese ningunha xestión para que se contemplase a excepción coruñesa e así asegurar a vixencia do modelo húmido-seco”, dixo Jorquera, para a seguir remarcar que non se trata dunha cuestión menor: “Renunciar ao modelo húmido seco significa que os cidadáns non só teremos que separar o vidro, o papel e o cartón, os restos orgánicos e a fracción restante (inorgánicos). Alén diso, a partir de agora”, esclareceu, “teremos que separar tamén latas, botellas de plástico, bricks, tapas e outros envases lixeiros para os depositar nun novo colector específico, cando antes a separación se facía en planta”.

Significaría tamén “que nas rúas haberá que instalar un contedor máis. O quinto”, e iso a pesar de, a comezos deste mandato, o Concello ter adxudicado “o novo contrato de limpeza e mantemento de contedores, que conlevou a renovación dos colectores existentes na nosa cidade”.

Dito doutro xeito: a renuncia ao modelo coruñés de xestión e tratamento do lixo significaría “máis gasto e máis ocupación do espazo público, en prexuízo dos peóns e en prexuízo tamén das prazas de aparcamento”.

E se non abondase con todo isto, hai que resaltar que “non hai razón ambientais que xustifiquen” a renuncia ao modelo húmido seco. Ao contrario: non é só que unha maior ocupación do espazo público e a afectación ao tráfico derivada do transporte separado dos novos contedores tería un impacto ambiental evidente, senón que tamén os datos mostran que co modelo húmido seco se recicla moito máis, remarcou Jorquera, para quen non se entende ben por que “ese ofuscamento” do Goberno Local en renunciar ao modelo húmido seco.

Non temos coñecemento de que a alcaldesa fixese ninguna xestión para que na nova Lei de Residuos se contemplase a excepción coruñesa e así asegurar a vixencia do modelo húmido seco

O argumento ao que se aferra a alcaldesa –“non é unha cuestión opcional, hai unha lei que cumprir”- non se ten de pé. Se lermos con atención a nova Lei de Residuos, artigo 25.6, veremos que se abre a billa a “exceptuar reglamentariamente a obriga de recoller por separado os residuos” (no modelo húmido seco a separación faise en planta) sempre que se deren determinadas condicións: que a recollida conxunta dos residuos non afecten a súa aptitude para a reutilización ou a reciclaxe, que a recollida separada non proporcione mellor resultado ambiental ou que implique uns custos económicos desproporcionados.

“Pois ben, todas esas condicións son de aplicación á Coruña. Por iso non entendemos que non se solicitase ao Goberno do Estado o recoñecemento da excepción coruñesa”, acrecentou Jorquera.

E o asunto é que si hai quen se moveu nese sentido: Córdoba si que demandou o mantemento do modelo húmido seco e o Goberno do Estado foi sensíbel a súa petición e si haberá excepción cordobesa. “Igual que o fixo Pontevedra para que se tivese presente a singularidade do modelo Pontevedra á hora de implantar as zonas de baixas emisións. E non só se contemplou a excepción de Pontevedra, senón que Pontevedra é recoñecida como cidade modelo en baixas emisións”, salientou o noso voceiro.

Non quixéramos pensar que o Goberno Local estea dando pasos para converter a planta de Nostián nunha simple terminal de transferencia e derivar logo parte do lixo a Sogama

Jorquera dirixiu tamén as súas críticas a outro aspecto crucial desta cuestión: a marxinación dos concellos do Consorcio das Mariñas e censurou que a alcaldesa non convocase unha mesa de alcaldes “para falar disto e do futuro de Nostián”, sendo que a “a viabilidade futura da planta de Nostián depende da participación do Consorcio”.

“Estamos moi preocupados polo futuro do modelo coruñés de xestión e tratamento de residuos”, recapitulou Jorquera. “Non quixéramos pensar que o Goberno Local, de xeito intencionado, estea dando pasos para converter a planta de Nostián nunha simple planta de transferencia e derivar logo boa parte do lixo a SOGAMA”, concluíu.

 

 

 

 

 

Jorquera lamenta que a alcaldesa non defendese ante o Estado o modelo coruñés de tratamento do lixo