A QUE XESTIONA OS SERVIZOS COMPLEMENTARES DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Jorquera interésase pola perda de poder adquisitivo do persoal dunha concesionaria do Concello
En concreto, e segundo as informacións de que dispón o grupo municipal do BNG, a empresa débelle ao cadro de persoal a diferenza entre o IPC de decembro de 2021 (6,5%) e a actualización realizada a comezos dese ano (2,5%). Estamos ante un incumprimento do convenio e “unha mingua de máis de 500 euros no percibido por cada traballador/a”, estima Jorquera, quen achega máis datos: “A nómina correspondente a xaneiro de 2022 tampouco reflectiu a suba prevista no convenio (2,9%).
Sumada unha cousa á outra, a perda de poder adquisitivo alcanzaría arredor do 7% en relación a comezos de 2021.
É por isto que o BNG quere saber se o Goberno Local é consciente desta situación, se se reuniu con representantes do cadro de persoal e a empresa e se desenvolveu algún labor de mediación.
Jorquera pregúntalle tamén ao Executivo coruñés se deu instrucións á empresa para cumprir coas súas obrigas co cadro de persoal e que solucións pensa arbitrar ante os sistemáticos incumprimentos do convenio por parte da concesionaria.