FALTA DE TRANSPARENCIA E AUSENCIA DE DIÁLOGO

David Soto faise eco das críticas da Xunta de Persoal ao proceso de elaboración da RPT

David Soto sostendo o gráfico sobre a evolución das comisións de servizos no Concello durante os últimos mandatos.
David Soto, sostendo o gráfico sobre a evolución das comisións de servizos no Concello durante os últimos mandatos.
O BNG continúa o seu labor de fiscalización da xestión do persoal do Concello que se realiza desde o Goberno Local e, nese sentido, o concelleiro nacionalista David Soto rexistrou unha pregunta oral para o Pleno do vindeiro xoves 14D en que inquire o Executivo coruñés sobre as críticas formuladas pola representación das traballadoras/es municipais ao proceso de elaboración dunha nova RPT (Relación de Postos de Traballo).
David Soto faise eco das críticas da Xunta de Persoal ao proceso de elaboración da RPT

“Considera o Goberno Local que a súa política en materia de persoal é axeitada?”, este é o texto literal da pregunta coa que David Soto se fai eco da crítica formulada pola Xunta de Persoal do Concello por medio dunha comunicación a todas as traballadoras/es municipais o pasado 14 de decembro.

Nesa comunicación, criticábase a falta de transparencia por parte do Goberno Local na elaboración dunha RPT que para a Xunta de Persoal, contra o que sostén o gabinete presidido por Inés Rey, dista moito de ser puntual.

“Non é de recibo que o Goberno Local non informe debidamente á representación das e dos traballadores do Concello sobre un asunto que as e os atinxe directamente. Nada saben nin dos avances, nin dos prazos, nin dos informes que en teoría avalarían as mudanzas que se pretenden facer na RPT”, denuncia Soto.

No que vai deste mandato, o BNG xa deu traslado de distintas cuestións de natureza laboral ao Pleno do Concello, a denunciar o abuso da figura das comisións de servizo -asunto que levou a un xulgado a abrir dilixencias-, ben como tamén a falta de transparencia no proceso de selección de persoal.

 

 

 

David Soto faise eco das críticas da Xunta de Persoal ao proceso de elaboración da RPT