REUNIÓN DA COMISIÓN ESPECIAL QUE PRESIDE O NOSO PORTAVOZ
Jorquera demanda un maior liderado do Concello no deseño da nova fachada marítima
“Fai un falta un maior liderado do Concello no deseño da nova fachada marítima. O Goberno Local afirma que ten mantido conversas discretas e sen publicidade con resto de entes implicados. Asegura tamén que nun prazo de arredor de dous meses podería haber un primeiro avance dunha proposta de acordo. En calquera caso, a discreción non debe estar rifada coa necesaria transparencia e para que o Concello participe dun acordo hai que contar con todos os grupos municipais e por ese motivo na reunión demandámoslle información ao Goberno Local”, salienta Jorquera.
Non é posíbel abordar a transformación dos peiraos “sen a implicación de todas as administracións”: o Concello da Coruña ten as competencias en materia de urbanismo, os terreos son de titularidade estatal e o presidente da Autoridade Portuaria é proposto pola Xunta de Galiza. “Polo tanto, é necesario o concurso de todas as administracións, como o é tamén abordar o problema da débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado para a construción de Punta Langosteira. Porque esa débeda non pode ser unha hipoteca que condicione o futuro dun porto que debe continuar a ser un motor económico da nosa cidade”, salientou.
A Comisión Especial da Fachada Marítima, avanza Jorquera, acordou establecer un prazo para a remisión de propostas de comparecencias no seo deste órgano de representantes de distintas entidades e persoas expertas que podan achegar as súas visións sobre o que debe ser a nova fachada marítima da Coruña.