AS PREGUNTAS ORAIS DO BNG
Jorquera defende a continuidade do tratamento do aceite doméstico usado a través do convenio con Mulleres Colleiteiras
Na quenda de preguntas orais ao Executivo coruñés, Jorquera defendeu que non hai nada na Lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminados de Galiza nin na Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular que obrigue a que a prestación deste servizo (o actual convenio con Mulleres Colleiteiras caduca o vindeiro dous de maio) se saque a concurso.
“Ao contrario, a propia disposición adicional undécima da lei estatal sobre contratos en vigor das entidades locais permite transformar o actual convenio nun contrato con Mulleres Colleiteiras, para que continúen a prestar este servizo, sendo que non hai contraprestación económica”, argumentou Jorquera, quen argüíu que así acontece “con multitude de contratos subscritos polas administracións con entidades de economía social”.
“A propia normativa autonómica contempla o réxime de concertos sociais”, aduciu. “Por iso pedímoslle que non renuncie ao actual modelo de recollida e tratamento do aceite doméstico usado. Porque, alén do interese medioambiental, ten tamén un grande interese social”, engadiu.
Na súa resposta, a concelleira delegada de Medio Ambiente, Esther Fontán, indicou que o seu departamento ten encargado a unha consultaría medioambiental a elaboración dos pregos e do estudo económico para licitar o servizo.
Porén, e tal e como interpreta o BNG, a concelleira admitiu que a lei estatal permite que a xestión sexa encomendada, a través de contratos reservados, a empresas de iniciativa social. A decisión final, dixo, será política, previa a realización de informes técnicos que, apuntou, todo indica que serían favorábeis ao mantemento do actual modelo.
Fontán recalcou que o apoio do Executivo coruñés a Mulleres Colleiteiras é “cerrado e absoluto”, se ben, dixo, que o Concello non dispón de ningunha infraestrutura para albergar a entidade (que neste momento está localizada nunha nave no Concello de Oleiros, un espazo cuxa cesión conclúe en marzo de 2024).
Respecta o proxecto de urbanización de Santo Amaro o patrimonio cultural, material e natural da área?
Sobre esta cuestión, suscitada por Avia Veira, o concelleiro delegado de Urbanismo, Francisco Dinís Díaz Gallego, desviou a responsabilidade á Administración “competente” e, nese sentido, afirmou que os informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural indican que non se producen danos a bens de interese patrimonial, nin cultural nin natural.
Veira demanda que o Goberno Local faga un informe propio sobre o impacto da urbanización, sendo que o estudo encargado polos promotores nega a evidencia da existencia dos restos da Fonte do Picho, un espazo patrimonial ligado á historia desta área da cidade moi perto do cal existía unha capela.
“Vostedes din que non teñen competencias, que as ten a Xunta, pero en realidade vostedes si consideran que o proxecto de urbanización protexe adecuadamente o patrimonio. Non parece, dado que nega a existencia de restos da fonte, cando a auga está aí para quen queira vela”, dixo Veira.
Replicou Díaz Gallego que “pode existir un rego de auga, mais iso non é un ben nin catalogado nin protexido”. En todo caso, aduciu que é a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a entidade encargada de vixiar a hipotética aparición de restos arqueolóxicos.
“A vixilancia arqueóloxica con vistas á musealización é precisamente o que demandamos desde o BNG”, concluíu concelleira nacionalista.