EN RESPOSTA A UN CONVITE DE NORDÉS CLUB EMPRESARIAL

Jorquera debulla as liñas mestras das propostas económicas para A Coruña

Jorquera Nordés Club Empresarial
O candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, expuxo esta mañá, na sede do Nordés Club Empresarial e como resposta a un convite desta entidade, as liñas mestras do proxecto económico do BNG para A Coruña.
Jorquera debulla as liñas mestras das propostas económicas para A Coruña

O candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, expuxo esta mañá, na sede do Nordés Club Empresarial e como resposta a un convite desta entidade, as liñas mestras do proxecto económico do BNG para A Coruña.

“Somos conscientes das limitacións do marco competencial que teñen as administracións locais, mais por suposto que o Concello pode xogar un rol dinamizador da economía da Coruña e da súa comarca”, considera Jorquera. Ese rol non o xogou o Goberno Local no mandato que está a piques de expirar. “Dificilmente o podería ter xogado cando apenas foi quen de aprobar dous orzamentos -2020 e 2022- e cando só deu executado 1 de cada 3 euros orzados no capítulo de investimentos”, criticou, ao tempo que aludiu tamén á “excesiva lentitude” na tramitación de licenzas como un dos debes do actual Executivo coruñés.

En materia económica o Concello precisa, por tanto, “dun cambio de rumbo”, unha mudanza que só pode protagonizar o BNG, afirmou Jorquera. “A mudanza non pode ser nin o continuismo do PSOE nin o retorno ao pasado que representa o PP”, engadiu.

Jorquera Nordés Club Empresarial 2
Jorquera, durante o encontro

 

Jorquera detallou os elementos básicos das políticas económicas que se propón impulsar o BNG á fronte do Goberno Local a partir do 28 de maio: “Hai que revitalizar o tecido industrial da cidade, o sector dos servizos non é sustentábel se non se apoia nun sector secundario potente. Aí o Concello pode xogar un papel de liderado e de indutor do potencial que ten a cidade. Hai que apostar pola ciencia e a investigación. Hai que relanzar a economía do mar e nese sentido quero lembrar que hai moitas actividades produtivas –a comezar pola pesca, mais tamén polo tráfico de contedores ao que debemos aspirar- que non son trasladábeis ao porto exterior. E hai que apoiar decididamente o pequeno comercio, coa súa diversificación e modernización no horizonte”, debullou.

Sobre a resposta de Inés Rey ao BNG

Interpelado polos medios a respecto da resposta dada por Inés Rey ás críticas formuladas polo BNG sobre o uso partidista das institucións por parte de PP e PSOE, Jorquera respondeu nestes termos: “Ben, en realidade [Inés Rey] eludiu a cuestión fundamental. E como se a min me preguntan ‘Onde está A Coruña’’ e eu contesto ‘Gústame moito o peixe’. A cuestión é que PP e PSOE están sorteando a lei electoral, que é moi taxativa e que prohibe as inauguracións. Non se poden facer anuncios que son propaganda electoral encuberta”.

Nese sentido, engadiu que na visita ás Naves do Metrosidero o PSOE “trouxo un ministro que non sabemos se veu como ministro ou como axente electoral” e que a sinatura da plataforma de baño do Parrote –feita pola Xunta e a Autoridade Portuaria- tería que terse feito despois das eleccións para non burlar a lei electoral

Canto a se o Bloque vai levar o asunto á Xunta Electoral, precisou: “O BNG prefire apelar á reflexión e, polo tanto, a unha corrección nas actitudes. Non temos por norma recorrer sistematicamente aos tribunais a dirimir as diferenzas políticas. Instamos o PP e o PSOE a que rectifiquen. En todo caso, se non o fan e se continúan con estas prácticas, por suposto que acudiremos á Xunta Electoral”.

 

 

Jorquera debulla as liñas mestras das propostas económicas para A Coruña