O CANDIDATO Á ALCALDÍA OFRECEU UNHA PALESTRA NO FORO CÍVICO E FOI PRESENTADO POR KEINA ESPIÑEIRA
Jorquera critica a atropelada convocatoria dunha oposición no Concello antes do 28M que provocou a indignación de moitas aspirantes
Entre outras cuestións, Jorquera defendeu que as políticas de contratación desde o Concello sexan sempre “transparentes e previsíbeis”, para garantir o respecto á igualdade de oportunidades entre persoas.
“A política de contratación ten que ser sempre transparente e previsíbel. Cónstanos que neste momento hai indignación en moitas persoas que pensaban concorrer ao concurso oposición que o Goberno Local ten convocado para prover 21 prazas de técnico administrativo xeral”, dixo Jorquera.
A indignación prodúcese porque o concurso oposición se convocou o día 3 de maio e a data para o primeiro exame fixouse para o día 15, isto é, con moi poucos días para a preparar.
“Como a convocatoria do concurso se ía demorando”, explica Jorquera, “a grande maioría das persoas aspirantes esperaban que ficase xa para despois das municipais. A sorpresa foi moi grande cando se convoca o día 3 e se coloca o primeiro exame para o día 15”.
“Non só median moi poucos días entre a convocatoria e o primeiro exame, senón que nin sequera está constituído o tribunal da oposición, o cal non ten ningún sentido”, denuncia Jorquera.
A indignación de moitas persoas aspirantes explícase porque este proceso se podería ter feito “en tempo e forma” e non de xeito atropelado para o consumar “antes das eleccións municipais”.
Por que a política de contratación dunha administración pública ten que ser transparente e previsíbel?, preguntouse Jorquera. Pois para non dar lugar a sospeitas: “Sospeitas de que se fan as cousas así porque hai algúns que xa sabían a data en que que se ía convocar o primeiro exame cando a inmensa maioría dos aspirantes loxicamente o ignoraban. Se as cousas se fan así, as sospeitas son absolutamente inevitábeis”, razoa Jorquera.