ENCONTRO DO BNG CO TECIDO CULTURAL DA CIDADE

A cidade terá a partir do 28M un Goberno Local aliado da cultura

Encontro do BNG co Tecido Cultural
Un momento do encontro co tecido cultural
“Esta é unha cidade que respira cultura por todos os seus poros, mais non ten un Goberno Local á altura desa creatividade. Iso vai mudar porque a partir do 28 de maio a cidade terá un Goberno Local aliado da cultura”, afirmou Avia Veira,número dous da candidatura do BNG, durante o encontro que a formación nacionalista realizou cunha moi nutrida representación do tecido cultural da Coruña.
A cidade terá a partir do 28M un Goberno Local aliado da cultura

O encontro –o terceiro deste xénero que o BNG leva organizado no presente mandato en María Pita- serviu para a lle presentar ás e aos axentes da cultura da cidade o seu programa na materia. “É un programa”, enfatizou Veira, “feito man a man co sector cultural”. “As políticas que nesta área faremos desde o Goberno da cidade estarán protagonizadas e lideradas polas artistas e os artistas coruñeses”, avanzou Mercedes Queixas, número tres da candidatura do BNG.

Veira mostrou a súa “preocupación” polo estado da cultura na cidade. O seu diagnóstico é que A Coruña é unha potencia cultural absoluta. Primeiro, polo talento das persoas que se dedican a crear arte na Coruña –desde a escrita até a música pasando pola danza, o teatro, o audiovisual ou as artes plásticas- e, segundo, pola urbe dispor de importantes infraestruturas –o Coliseum, o Pazo da Ópera, o Ágora, a Sala Túnel, os teatros Rosalía e Colón, as bibliotecas municipais...

Encontro do BNG co Tecido Cultural 2
Avia Veira, durante o encontro

Mais esa potencia cultural, apunta Veira para completar o diagnóstico, non se viu acompañada polo Goberno Local.

“As constantes mudanzas á fronte da Concellaría haille que sumar tamén as que se produciron á fronte da Dirección de Área de Cultura ou mesmo da xefatura de servizo. No meu momento vaticinamos que a asunción das competencias directamente por parte da alcaldesa ía abocar as políticas culturais que se fan desde o Concello ao fracaso. A cultura require dunha responsábel política que se dedique a ela a tempo completo. A Coruña necesita que se restitúa a Concellaría de Cultura. O BNG desde logo garante iso”, dixo Veira.

Se a cidade en xeral necesita un impulso, a cultura necesítao dobremente. “O noso programa ten precisamente como obxectivo darlle impulso á Coruña como cidade creativa. Temos unha rede cultural moi importante –ás infraestruturas de que dispón o Concello haille que sumar as da Deputación, Xunta e UDC- e tamén promotores privados neste campo moi activos –librarías, editoras, galerías de arte... O único que fai falta é vontade política para pór todos estes recursos en valor”, remarcou.

20230508_184220
Mercedes Queixas, a debullar o programa electoral do BNG en materia de cultura

Veira é consciente do “desgaste persoal” que “sufrides todos os que vos dedicades á cultura na cidade”, díxolles ás persoas que ateigaban o auditorio, o salón enseada do Hotel Riazor, no que se realizou o encontro, ao que asistiron representantes de todos os sectores da creación: desde a literatura até o teatro pasando polo audiovisual, a danza ou as artes plásticas.

A número dous do BNG lanzou unha mensaxe de esperanza e de alento ás axentes da cultura coruñesa: “Estamos a tempo. Podemos recuperar o tempo perdido. Podemos recuperar o Museo de Arte Contemporánea. Podemos recuperar a Festa do Libro. Podemos recuperar o que non se recuperou nin neste mandato nin no anterior. Mais para iso é preciso un goberno en María Pita que crea na cultura da cidade e que se esforce para que a creación artística, e tamén a actividade económica e o emprego a ela asociada, desenvolvan todo o seu potencial”, concluíu.

A cidade terá a partir do 28M un Goberno Local aliado da cultura