Jorquera convoca a Comisión da Fachada Marítima para fixar o calendario das comparecencias

Comisión Especial Fachada Marítima
Jorquera presidindo a comisión
A Comisión Especial da Fachada Marítima vaise reunir este venres no salón vermello do Pazo de María Pita a partir das 10 horas e cunha orde de día centrada na aprobación da relación de persoas e entidades comparecentes no seu seo, ben como tamén na fixación do calendario das comparecencias.
Jorquera convoca a Comisión da Fachada Marítima para fixar o calendario das comparecencias

A Comisión foi convocada polo seu presidente, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

As propostas de persoas e entidades comparecentes que fai o BNG son as seguintes: o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; a Universidade da Coruña (autora dun traballo sobre a nova fachada marítima coordinado por Carlos Nárdiz); o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza; a Comisión Aberta en Defensa do Común; a Asociación Veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros; e o grupo naturalista Hábitat.

“O rol da comisión é o de procurar un acordo de cidade a respecto do deseño da fachada marítima. Un deseño que debe ser froito dun proceso o máis participativo posíbel. E nese marco hai que inserir as comparecencias no seo da comisión”, afirma Jorquera.

O portavoz nacionalista reitera os criterios que a xuízo do BNG deben guiar o deseño da nova fachada marítima da cidade: o mantemento da titularidade pública de todos os terreos portuarios -coa dotación de novos equipamentos públicos-, o reencontro da Coruña co mar, a expansión das zonas verdes e a continuidade do porto como motor económico da cidade.

A definitiva superación dos convenios de 2004 -por ficaren obsoletos e contemplaren uns aproveitamentos urbanísticos e terciarios que en absoluto se corresponden coas necesidades da Coruña de hoxe-, a modificación consecuente do Plan Xeral de Ordenación Urbana e a negociación co Estado da condonación da débeda que soporta o porto pola construción de Punta Langosteira son tarefas pendentes que cómpre acometer canto antes, conclúe Jorquera.

 

Jorquera convoca a Comisión da Fachada Marítima para fixar o calendario das comparecencias