Jorquera chama a votar BNG para levar tamén a Axenda Coruñesa ao Parlamento estatal
A escasas horas de que conclúa a campaña destas eleccións xerais, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, fai un chamamento a votar o BNG, para frear a dereita e tamén para que a Axenda Galega -e, contida nela, a Axenda Coruñesa- estea presente tamén na política estatal.
“O voto ao BNG ten duplo valor. É útil para frear a coalición da dereita extrema coa extrema dereita e é útil para que Galiza aumente o seu peso político no escenario estatal”, afirma Jorquera, quen este serán (20.30 h, Xardíns de Méndez Núñez) intervirá no mitin de peche de campaña na nosa cidade, canda Iria Taibo e Néstor Rego -números 3 e 1 da nosa candidatura- e Ana Pontón, a nosa portavoz nacional.
Levar a Axenda Galega a Madrid e levar tamén a Axenda Coruñesa. Eis a utilidade do BNG. “Axenda Coruñesa para que se modernicen de vez as liñas ferroviarias que unen A Coruña con Lugo e Ferrol, para que haxa un tren de proximidade na nosa comarca, para que o Estado nos devolva o antigo cárcere”, enumerou.
Axenda Coruñesa tamén “para o Estado asumir a débeda contraída polo porto da Coruña pola construción da dársena exterior, para que o Estado faga coa débeda coruñesa o mesmo que fixo coa débeda valenciana, condonala”, remarcou. “E evitar así, dunha vez por todas, que os terreos do porto interior poidan ser pasto de especulación”, concluíu.