A POLITICA DO PP CONSISTE EN EMPURRAR "A XENTE CON RECURSOS" Á SANIDADE PRIVADA

Jorquera chama a unha participación masiva na manifestación de SOS Sanidade Pública

FJ
O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera, botou man dunha historia que unha persoa lle relatou recentemente para ilustrar o estado no que se atopa a sanidade pública galega.
Jorquera chama a unha participación masiva na manifestación de SOS Sanidade Pública

“Venme á memoria o que me comentou un doente que acudiu ao CHUAC. Atendeuno un médico. Ficou moi satisfeito coa atención que lle prestou. E como tiña que volver á semana seguinte, comentoulle:  ‘A ver se teño sorte e vólveme atender vostede’, ‘vai ser imposíbel porque teño un contrato por un día’, respondeulle o médico”.

A triste anécdota sitúanos na realidade dun servizo público moi deteriorado por lustros de “continuos recortes”, os practicados desde que o PP accedeu ao goberno galego en 2009. “Froito dun desmantelamento programado, na Galiza está ameazado o dereito de todos a termos unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”, alerta Jorquera.

A xuízo do voceiro nacionalista, o PP aposta por un modelo que fai da sanidade pública “un sistema meramente asistencial”, en permanente estado de colapso. O propósito desta política, “incentivar a xente que dispón de suficientes recursos económicos a acudir á sanidade privada”.

“E quero facer unha reflexión. Os dereitos costa moito acadalos, mais, cando se perden, é moi difícil recuperalos”, remarca Jorquera. De aí que lle pareza “imprescindíbel” a posta en andamento dun “plan de choque” cos investimentos precisos para rescatar a atención primaria do estado de deterioración no que se acha e para reforzar o conxunto do sistema sanitario público.

Nesa mesma dirección, Jorquera estima clave que “as e os cidadáns fagamos ouvir a nosa voz, polo que fago un chamamento para que todas e todos acudamos á convocatoria de SOS Sanidade Pública e nos manifestemos en Compostela o vindeiro domingo”.

 

 

 

Jorquera chama a unha participación masiva na manifestación de SOS Sanidade Pública