UN ATEIGADO PALEXCO ACOLLEU A PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA DO BLOQUE PARA O 28 DE MAIO
Jorquera afirma que o BNG vai a por todas e Pontón ve nel o alcalde que defenderá A Coruña ante a Xunta e o Estado
Jorquera pronunciouse nestes termos durante o acto de presentación da candidatura do BNG da Coruña ás eleccións municipais, realizado nun ateigado Hall de Proa de Palexco e que contou con música de cantareiros e co humor de Irene Medín e de Charly Char. O candidato nacionalista foi presentado pola portavoz nacional, Ana Pontón, como “o alcalde capaz de darlle á Coruña o impulso que a cidade precisa” e como o único rexedor “coas mans libres” para defender os intereses coruñeses diante da Xunta e diante do Estado.
“Nas vindeiras eleccións municipais, imos a por todas”, afirmou no limiar da súa intervención Jorquera, quen remarcou que o Bloque en ningún caso acepta “o rol de actor secundario” que PP e PSOE lle queren asigNar. “A nosa vocación non é ser outsiders. A nosa vocación é ser alternativa. Liderar esta cidade. E co voso apoio estou certo de que o imos conseguir”, subliñou.
O 28M a cidade ten diante de si tres opcións. Ou catro anos máis de continuismo e estancamento (PSOE) ou o retorno ao pasado (PP) ou o cambio de rumbo que defende e encarna o BNG. Un cambio de rumbo para liberar todas as potencialidades da Coruña. “O momento de facer realidade A Coruña que queremos é agora. E sinceramente estou convencido de que o BNG é quen está en condicións de asegurar ese cambio de rumbo”, dixo.
“Hai unha canción de John Lennon que se chama Give Peace a Chance. Dálle unha oportunidade á paz. Pois ben, eu dígovos a cada un de vós, dádelle unha oportunidade ao BNG!”, exclamou.
UNHA CIDADE PARA TRABALLAR E PARA VIVIR
E que cidade queremos? Pois unha cidade “para traballar e para vivir”. “Para traballar, porque A Coruña ten que recuperar impulso económico, ser o motor económico da Galiza e a grande capital do norte da Eurorexión Galiza-Norte de Portugal”, cun concello “que exerza un papel de liderado, de indutor dun proxecto de futuro, a partir da enerxía e da forza da sociedade coruñesa e a partir da aposta pola innovación, a investigación, a renovación, diversificacióN e revitalización do sector industrial e cun porto vivo que non abandone a pesca e fomente a economía azul”.
Unha cidade que potencie a economía verde, “vencellada á posta en valor dos produtos de proximidade, dos produtos da terra” e que apoie decididamente o pequeno comercio, “porque o comercio local é unha fonte de riqueza e emprego”. “Termos un comercio local vizoso significa termos barrios vivos e seguros”, engadiu.
Unha cidade para traballar e unha cidade para vivir: “Non nos resignamos a que a xente nova teña que marchar vivir fóra porque non pode acceder a unha vivenda. Comprometémonos a facer da vivenda unha prioridade, incentivando que haxa máis oferta, actuando fiscalmente para fomentar que os pisos baleiros se poñan a disposición para o aluguer, apostando decididamente pola rehabilitación, regulando as vivendas de uso turístico e incrementando o parque de vivendas municipais para as ofertar en aluguer”.
Vivir é moito máis que residir, enfatizou Jorquera, así que queremos “unha cidade que sexa un modelo de calidade urbana e que poña as persoas no centro”. “E no BNG”, argüíu, “sabemos como facelo, con exemplos que hoxe son unha referencia internacional”.
Ese modelo de calidade urbana “hai que estendelo aos barrios”. “Queremos pór os barrios no centro das políticas municipais”, salientou.
E unha cidade para vivir pasa por políticas de mobilidade que aposten polo uso do transporte público na Coruña e a escala metropolitana. “Non é sostíbel un modelo onde cada día entran na Coruña un número de vehículos que equivale ao parque móbil que xa hai na cidade. Cómpre mellorar o bus metropolitano, recuperar o transporte marítimo e termos servizos de proximidade ferroviarios”, acrecentou.
E unha cidade para vivir ten de ser unha cidade verde, “comprometida coa loita contra o cambio climático”. Un goberno nacionalista no Concello impulsaría a creación dun cinto verde con vistas a recuperar e a pór en valor a periferia da cidade central, renaturalizaría ámbitos da franxa costeira, crearía aneis verdes e, desde logo, no tratamento dos residuos impulsaría a redución, a reciclaxe e a reutilización, no horizonte de termos unha Coruña limpa.
E unha cidade para vivir ten de ser unha cidade cohesionada socialmente “e comprometida na loita contra as desigualdades e calquera forma de exclusión. E para iso é preciso termos un Goberno Local “que afortale os servizos públicos e as políticas sociais, apoie decididamente as entidades do terceiro sector e acabe coa diferenza entre barrios ricos e pobres”.
E A Coruña que queremos ten de ser tamén o “Faro cultural de Galiza”: os vimbios hainos, unha Coruña creativa en todos os eidos da cultura, o que fai falta é un Goberno Local que, a diferenza do actual, terme “das súas potencialidades”, remarcou.
“O ALCALDE QUE A CORUÑA NECESITA PARA SITUARSE Á VANGARDA DA GALIZA”
O cambio de rumbo teno que protagonizar un equipo, o do BNG, e, á fronte dese equipo, un alcalde, Francisco Jorquera. “Con todo o orgullo”, dixo na súa intervención Ana Pontón, “quero dicir que Paco é o alcalde que A Coruña necesita para se situar á vangarda de Galiza e para recuperar o pulso perdido”.
“Coñezo ben a Paco, sei da súa capacidade e sei que vai liderar o próximo goberno municipal cun único obxectivo: construír unha Coruña en grande, protagonista da Galiza que desexamos e que merecemos”, remarcou. “Esta cidade merece máis e o BNG está preparado para impulsar A Coruña a onde merece”, acrecentou a líder nacionalista.
Jorquera, destacou, ten algo máis que o fai único: “Será un alcalde coas mans libres para defender A Coruña ante o goberno da Xunta e ante o Goberno do Estado, sen estar preso do servilismo a Madrid”.
Candidato e equipo: “O BNG ten o mellor candidato, o mellor equipo e o mellor proxecto para lle dar á Coruña o impulso que precisa para conseguir unha cidade con máis dinamismo económico, social e cultural, con máis igualdade, oportunidades e calidade de vida. Unha cidade a favor da maioría social”, concluíu Pontón.
ORDE E TALENTO. CORAZÓN E RAZÓN
Pontón e Jorquera foron precedidos no uso da palabra por Nacho Siota, David Soto, Mercedes Queixas e Avia Veira, números 5, 4, 3 e 2 da candidatura do BNG. Unha lista que constitúe “un equipo sólido e solvente”, en palabras do candidato nacionalista. “Un equipo que achega Orde e Talento. Si, Orde e Talento. Con ese lema resumía o xenial Arsenio Iglesias as cualidades que tiña que ter un bon equipo de fútbol. Cualidades que reunía aquel equipo que todos lembramos e que se gañou, co seu bo facer, o apelativo de SuperDépor”.
“Mais non só achegamos orde e talento. A nosa candidatura achega tamén empatía, imaxinación, creatividade, ilusión e forza. Trazos necesarios para sermos a alternativa que A Coruña necesita”, dixo.
Orde e Talento, mais tamén Corazón e Razón: “Razón porque temos proxecto, ideas e capacidade. E corazón porque temos ilusión e forza para materializalas”, concluíu Jorquera.