Jorquera, após a recepción ao comité de Alu Ibérica: "Cómpre unha intervención pública para salvar un sector estratéxico"

Conversa con Juan Carlos López Corbacho
Conversa con Juan Carlos López Corbacho
María Pita viviu esta mañá unha recepción moi especial, a da alcaldesa e voceiras dos distintos grupos ao comité de empresa de Alu Ibérica. No encontro participou o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.
Jorquera, após a recepción ao comité de Alu Ibérica: "Cómpre unha intervención pública para salvar un sector estratéxico"

Á conclusión do encontro, Jorquera compareceu ante os medios e referiuse á conversa cos traballadores e á crítica situación de Alu Ibérica nestes termos;

"Non estamos unica e exclusivamente ante unha demanda dun colectivo de traballadores. Estamos ante un problema que afecta a toda a nosa comarca. A Coruña non se pode permitir ser unha cidade que viva unica e exclusivamente do sector servizos. É estratéxico para esta comarca apostar pola industria, pola modernización e diversificación do seu tecido produtivo. Polo tanto, é estratéxico asegurar o futuro da actual Alu Ibérica".

"Desde o BNG, plena disposición para que desde o Concello se presione para esixir solucións. Comprometémonos a seguir traballando quer no Congreso quer no Parlamento galego, a través da nosa representación institucional e, do noso punto de vista ,as solucións son claras. É necesaria a intervención pública da empresa para salvar un sector estratéxico. É necesario asegurar a subministración enerxética a uns prezos realmente competitivos, a unha factoría moi dependente da factura eléctrica. E quer a Administración autonómica como a central teñen que asumir as súas responsabilidades".

Encontro co comité de empresa de Alu Ibérica

"Quero lembrar que as plantas que pertencían antigamente ao grupo Inespal eran públicas e foron privatizadas a unha multinacional que obtivo inxentes axudas públicas para acceder á titularidade dunhas empresas que daban beneficios. Esta multinacional está agora nunha estratexia de trasladar a produción fóra do Estado español unha vez que adoptou unha posición dominante no mercado. Iso é absolutamente criticábel e inconcebíbel".

"No caso concreto da Coruña, a antiga planta de Alcoa foi vendida nunha operación avalada quer pola Xunta quer polo Goberno central. Unha operación que, após o novo comprador revendar a factoría, agora sabemos que foi fraudulenta, como denunciaron desde o primeiro momento os traballadores. Polo tanto, hai responsabilidades por parte das administracións públicas e estas teñen que ser activas á hora de procurar unha solución para Alu Ibérica".

  

Jorquera, após a recepción ao comité de Alu Ibérica: "Cómpre unha intervención pública para salvar un sector estratéxico"