Jorquera agarda que o anuncio sobre a SAREB non sexa propaganda electoral e insta o Concello e a Xunta a actuar

Conferencia de prensa de Jorquera 2 (1)
Jorquera, durante unha rolda de prensa
O candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, celebra que o presidente do Goberno central anunciase que os inmóbeis da SAREB se van destinar a vivendas sociais en aluguer.
Jorquera agarda que o anuncio sobre a SAREB non sexa propaganda electoral e insta o Concello e a Xunta a actuar

Mais ao tempo Jorquera agarda que non esteamos ante “propaganda electoral”, sendo que o Goberno central colocou este anuncio días despois de que se convocasen as eleccións municipais.

“Non foi sen tempo. Esta proposta púxoa sobre a mesa o BNG desde hai anos, tanto no Congreso como no Parlamento galego”, remarca Jorquera. “Eu mesmo defendina sendo deputado nesas cámaras”, lembrou.

A proposta levouna o BNG tamén ao Pleno do Concello. “En xullo de 2020 e maio de 2021 aprobáronse mocións do BNG nas que se instaba o Goberno Local a realizar xestións ante a SAREB para que cedese ao Concello os seus inmóbeis na Coruña con vistas á súa transformación en vivendas sociais”, evoca Jorquera.

A cousa non pode ficar no anuncio e Jorquera ponlle deberes aos gobernos galego e coruñés.

“Demandamos da Xunta que exerza as súas competencias en materia de vivenda, porque desde 2008 non hai oferta de vivenda pública na Coruña por parte da Xunta merecente de tal nome”, di o candidato do Bloque á Alcaldía.

En xullo de 2020 e maio de 2021 aprobáronse mocións do BNG nas que se instaba o Goberno Local a realizar xestións ante a SAREB para que cedese ao Concello os seus inmóbeis na Coruña

Canto ao Concello, o Goberno Local “ten que facer xestións para incorporar os inmóbeis da SAREB ao parque de vivendas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer”.

Critica Jorquera que se vai fechar este mandato “cos mesmos anuncios por parte do Concello que se fixeron no anterior: 50 vivendas para ofertar en aluguer a prezo taxado en Xuxán e 5 en Marqués de Pontejos”.

“E por segundo mandato consecutivo continuamos a agardar polo cumprimento deses anuncios”, di o candidato do BNG á Alcaldía, quen avanza que a política de vivenda será unha das prioridades do Goberno Local que o Bloque se propón liderar a partir do vindeiro 28 de maio.

 

Jorquera agarda que o anuncio sobre a SAREB non sexa propaganda electoral e insta o Concello e a Xunta a actuar