FIGURA COMO UN DOS PUNTOS DO DECÁLOGO ESTRATÉXICO PRESENTADO POR ANA PONTÓN

Jorquera aféalle a Tellado que non se lembrase da condonación da débeda durante os gobernos Rajoy

Grupo municipal
O grupo municipal do BNG
Interpelado polos medios ao termo do Pleno extraordinario para o sorteo das mesas electorais, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, saíu ao paso das declaracións realizadas polo dirixente do PP Miguel Tellado sobre a condonación da débeda que pesa sobre o porto da Coruña.
Jorquera aféalle a Tellado que non se lembrase da condonación da débeda durante os gobernos Rajoy

“Lamentamos”, dixo, “que o señor Tellado non se lembrase da esixencia da condonación da débeda durante os gobernos presididos por Mariano Rajoy”.

“Esta débeda”, proseguiu, “xerouse hai moitos anos a raíz da decisión dun goberno do PP, o presidido por Aznar, de acometer a construción do porto exterior. A obra foi presentada como unha compensación a Galiza polo desastre do Prestige, mais logo quen asumiu a carga financeira que dela se derivou foi o porto da Coruña, non foi o Estado directamente”, remarcou.

A seguir, Jorquera puxo o acento en que o BNG, a diferenza doutras forzas políticas, “sempre vai esixir a condonación da débeda”, con independencia de quen more na Moncloa.

E nese sentido subliñou que a esixencia da condonación da débeda figura no decálogo de compromisos estratéxicos recentemente presentado pola nosa portavoz nacional, Ana Pontón. “Polo tanto, teremos a mesma posición de firmeza e de compromiso coa defensa dos intereses da Coruña e Galiza que tivemos sempre, gobernar quen gobernar no Estado”, concluíu.

 

 

 

Jorquera aféalle a Tellado que non se lembrase da condonación da débeda durante os gobernos Rajoy