O BNG PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE ATENDA AO PRONUNCIAMENTO UNÁNIME DO PLENO E ADOPTE MEDIDAS EXTRAORDINARIAS
Jorquera, sobre o adiantamento da folga indefinida do STL: "Se se cede a esta chantaxe inaceptábel, os problemas volverán reproducirse no futuro"
“Por iso demandamos do Goberno Local”, acrecenta, “que poña en práctica dunha vez por todas as medidas aprobadas, a instancias do BNG, no Pleno do pasado 4 de xullo”.
Así, Jorquera empraza o Executivo coruñés a que adopte “as medidas extraordinarias que sexan necesarias” de modo a “evitar que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.
“As coruñesas e os coruñeses non poden ser reféns”, argúe, “dos intereses espurios que se esconden neste conflito”, dixo en relación á trama do STL, unha organización investigada por graves delitos.
Alén das medidas extraordinarias, o texto asinado polo BNG -e que foi votado por unanimidade no Pleno do 4 de xullo- insta o Goberno Local a supervisar o cumprimento por parte da concesionaria das cláusulas que rexen a prestación do servizo e, eventualmente, a impor penalidades en caso de non se respectaren os termos do contrato.
Tamén se urxía o Executivo coruñés a que velase para que os criterios de contratación e de promoción interna do persoal sexan “equitativos e transparentes”, a que colaborase no proceso xudicial en curso e a que levase a termo unha investigación interna “co obxecto de evitar prácticas de control da contratación que vulneren os principios de equidade e transparencia”.
“É necesario actuar xa e facelo con firmeza”, remarca Jorquera, “se non queremos que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.