As irregularidades nos servizos da rede semafórica supuxeron reparos de legalidade de 1,16 millóns
A Coruña, 15 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o informe sobre os reparos de legalidade que o interventor formulou durante o pasado ano, ao que vén de ter acceso o BNG, recolle que o funcionario municipal cuestiou o procedemento seguido para o pago de facturas de Aeronaval de Construcciones e Instalaciones S.A. (ACISA), por valor de máis de 1.169.730,04 euros, relacionadas co mantemento, conservación e reparación das instalacións semafóricas.
O Grupo Municipal do BNG lembra que o servizo de conservación, mantemento e reparación das instalacións da rede semafórica aínda foi adxudicado en marzo deste ano despois de ser licitado en agosto de 2013 e de estar vencido o contrato desde o 2012. De feito, aínda o 16 de xuño de 2014 asumiu o servizo a nova empresa adxudicataria.
Para o Bloque, o informe sobre os reparos de legalidade da Intervención vén confirmar o que veñen denunciando as nacionalistas en relación ás irregularidades nos servizos da rede semafórica: a nefasta e chapuceira xestión do Goberno do PP.
O último modificativo recolle 310.285,06 euros derivados dos servizos mantemento, conservación e reparación de semáforos e correspondentes a recoñecemento de obrigas de 2013
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG sinala que o último modificativo de crédito do Goberno do Sr. Negreira, que será aprobado definitivamente no pleno de xullo co voto en contra das nacionalistas, inclúe un total de 310.285,06 euros en relación cos servizos de mantemento, conservación e reparación de semáforos. Trátase de recoñecementos de obrigas pertencentes ao exercicio económico de 2013. Tamén o interventor chama a atención sobre este servizo no informe que redactou sobre o modificativo de crédito, en que advirte de que ademais de non contar con crédito adecuado e suficiente para afrontar o gasto, tampouco dispoñen dun contrato adxudicado que o ampare ao vencer o anterior.