O Goberno do Sr. Negreira aprobou o protocolo en casos de acoso obrigado pola Inspección de Traballo
A Coruña, 11 de xullo de 2014- Nin por compromiso coa igualdade nin co compromiso de velar polo benestar dos traballadores e traballadoras, se o Goberno do Sr. Negreira aprobou o protocolo de actuación en casos de acoso sexual, moral e por razón de xénero do Concello da Coruña non foi motu proprio ou voluntariamente, senón porque estaba obrigado pola Inspección de Traballo.
A documentación da Xunta de Goberno Local á que tivo acceso o Grupo Municipal do BNG revela que a causa pola que se aprobou o citado protocolo foi por requirimento da Inspección de Traballo. No certificado da acta do Comité de Seguridade e Saúde, reunido en convocatoria extraordinaria o 17 de xuño de 2014, ponse de manifesto que se inicia o Comité de Seguridade e Saúde dando conta a todos os membros da exixencia por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social da aprobaciópn do protocolo de acoso.
Ás nacionalistas chámalles a atención que o informe proposta oculte a causa principal da aprobación do protocolo, é dicir, a orde da Inspección de Traballo e da Seguridade Social. De feito, o BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira pretendera pórse as medallas ao vender publicamente que o protocolo ten a ver co compromiso primordial de velar tamén polo benestar dos traballadores.
Tamén salienta o BNG que o informe da Asesoría Xurídica do Concello sobre este protocolo evidencia que o contido é basicamente semellante ao Protocolo publicado por Resolución de 28 de xullo de 2011 da Secretaría de Estado para a Función Pública no BOP de 8 de agosto de 2011.