PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA

A inquietante talla dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga

Castinheiro
Segundo puido saber o grupo municipal do BNG, recentemente procedeuse á corta dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga, á altura do Centro Comercial de Elviña.
A inquietante talla dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga

Esta circunstancia leva o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, a dirixir unha pregunta por escrito ao Goberno Local sobre as razóns que motivaron a talla desta árbore.

“En caso de que a árbore estivese enferma, non cabía outra solución?”, inquire o voceiro nacionalista, quen se interesa por saber se está prevista a corta de máis exemplares de castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga ou noutros pontos da cidade.

Na exposición de motivos desta iniciativa, reflexiona Jorquera sobre que “na nosa cidade, o número de zonas verdes continúa a ser insuficiente e nas nosas avenidas e rúas son escasas as árbores caducifolias que fan que a paisaxe urbana se vaia transformando ao ritmo das distintas estacións”.

En todo caso, o BNG quer saber se o Concello leva un control regular do censo de árbores que existen na nosa cidade.

“Unha cidade con abondosas zonas verdes, con árbores nas súas rúas e avenidas e dotada dunha extensa rede de parques e xardíns é unha cidade máis saudábel e respeitosa co medio ambiente, unha cidade que proporciona máis calidade de vida aos seus habitantes”, conclúe Jorquera.

 

A inquietante talla dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga