INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 9S
A veciñanza pide, e con razón, o derrubo do esqueleto dun edificio nas Xubias de Arriba
É un risco para as persoas, argumenta o voceiro do BNG en María Pita, “quer polo perigo de que se produzan desprendementos quer porque hai veces que crianzas e persoas mozas utilizan este espazo como lugar e xogos ou encontro”.
“Por iso a veciñanza”, relata Jorquera, “demanda dende hai anos a demolición desta estrutura e a recuperación deste espazo para o lecer, creando unha zona verde que amplíe o parque co que linda na parte superior”.
Alén da demolición do esqueleto, situado a carón do CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade), a Asociación Veciñal Oza A Gaiteira Os Castros demanda tamén outras melloras nas Xubias, tales como alcanzar un acordo coa Xefatura Territorial da Consellaría de Educación de modo a retranquear un metro o muro do Centro de Educación Especial María Mariño. O obxectivo, darlle máis anchura ao camiño que leva cara á cala das Xubias ou intervir nas escaleiras que dan acceso á cala para adaptar o acceso a persoas con problemas de mobilidade.
O BNG insta o Goberno Local a que atenda tamén estas peticións veciñais.