O inmobilismo do Goberno municipal con Nostián reflicte a complicidade do PP con Albada
A Coruña, 24 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que a actitude inmobilista e inactiva do Goberno do sr. Negreira sobre todo o que ten que ver con Nostián reflite a complicidade e a submisión con Albada. Así, lembran as nacionalistas, que o Goberno municipal lles impide visitar as instalacións; non lles deixa consultar o resultado das auditorías medioambiental e económica de Albada; négase a manter unha reunión co Comité de empresa; nega aos grupos da oposición un espazo municipal para se reuniren co Comité e rexeita unha xuntanza do alcalde con estes para pórlle fin ao conflito laboral creado por Albada, unha empresa que incrementa beneficios por conta de cobrarlle ao Concello por un servizo que non presta, o da reciclaxe, e por conta de recortarlles dereitos ás e aos traballadores, e para pórlle fin á fraude social da reciclaxe, xa que se lle está a cobrar á cidadanía unha taxa por un tratamento de residuos que non está a ter lugar.
O Grupo municipal do BNG insiste que Albada é unha empresa concesionaria dun servizo público e por tanto o Concello ten que exercer os seus dereitos cando non se cumpren as condicións de concesión, de aí que sexa fundamental, subliñan as nacionalistas, ter coñecemento da información recollida nas auditorías medio ambiental e económica que o Goberno municipal silencia para saber cal é o grao de incumprimento da empresa e así pedir responsabilidades.